ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Castro Voces chama á unidade de Valdeorras e á defensa do rural nun reivindicativo pregón da I Festa da Vendima en Vilamartín

Unhas 150 persoas asistían ao xantar popular, nunha xornada na que non faltaba a música e os labores tradicionais vinculados ao viño

 

Dende ás 12h. deste sábado 5 de outubro o exterior do pavillón polideportivo de Vilamartín convertíase en escenario da primeira edición da Festa da Vendima en Valdeorras. Esta iniciativa inclúa unha exposición de diversos artesáns, inchables para os nenos, música e demostracións antigos labores relacionados coa vide como o pisado de uva, o transporte das uvas en antigos carros de bois (con animais da Gandería de Mario Nogueira) ou a enxerta tradicional.

Non faltaba tampouco ao longo da mañá un concurso de tartas no que participaban 8 elaboracións diferentes. O primeiro premio correspondíalle a Fani, o segundo a María José e o terceiro a María Jesús. Entre tanto, a animada música da charanga Louband facía cantar e bailar aos asistentes ata o inicio do pregón, pasadas as dúas da tarde.

Nese momento, José Pinto, en nome da organización da festa (a Asociación de Amigos da Festa da Vendima de Vilamartín) daba a benvida aos presentes e pasáballe a palabra a outra representante da asociación, María Jesús Vega, quen presentaba ao pregoeiro desta primeira edición, o historiador valdeorrés Antonio Castro Voces.

 

O pregoeiro Antonio Castro, durante a súa intervención.

 

Este investigador veciño de Quereño iniciaba entón un discurso, con diversos toques de humor e cunha parte de convite á festa e ao desfrute da vendima, “un momento decisivo e culminante dentro do cultivo da uva, despois de toda unha longa serie de traballos ao longo do ano”, e lembraba tamén a importancia da elaboración. “De pouco vale unha boa colleita se non sabemos elaborala, ou ao revés”, comentaba.

Pero ademais de festivo, o seu pregón tiña un marcado tono reivindicativo, apelando á identidade valdeorresa, “un sentimento que debe ser a pedra angular sobre o que construír o noso futuro, aproveitando a situación xeográfica na que nos atopamos, lonxe das capitais da provincia e de Galicia”. Lembraba tamén a carencia actual en infraestruturas de comunicación e “a perda de orzamento cada ano para o Hospital Comarcal Valdeorras que redunda nunha peor calidade na atención á nosa saúde; os pobos da nosa comarca perden poboación e están en trance de desaparecer, o Camiño de Inverno a Santiago necesita investimentos que de momento non chegan… Son moitos os problemas e escasas as solucións e o futuro temos que facelo entre todos, pero para iso fai falta unión, temos que pensar en clave de comarca, sumar e non dividir, recuperar a nosa identidade”.

 

Participantes no xantar popular.

 

E, en materia vitivinícola centraba en dúas as súas reivindicacións: “a implantación dunha rama de enoloxía nalgún centro educativo de Valdeorras” e a “creación dunha cova-museo dedicada ao viño e a todo o que rodea a este mundo. Ademais Castro Voces tiña unha lembranza especial para o sacerdote Don Eladio, “que está en Ourense lidiando unha batalla dura coa vida, un forte e sentido aplauso para el”.

E tras o pregón dábase paso ao xantar popular no interior do polideportivo coa asistencia dunhas 150 persoas. O menú (cun prezo de 18 euros) incluía entrantes, carne ao caldeiro, sobremesas, viño, café e licores.

A festa continuará pola tarde con máis actividades e tamén coa actuación de Disco Móbil Stuu.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button