EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

“Cata a Arte”, organizado pola D.O. do Ribeiro, recadou 600 euros para Autismo Ourense

Hoxe tivo lugar a entrega do cheque co recadadado ao organismo sen ánimo de lucro no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”
Juan Casares, Ana Tejada, Montserrat Lama e Francisco González.

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación foi o escenario da cuarta edición do ciclo “Cata a Arte”, unha iniciativa que mestura degustacións de cinco adegas de viños do Ribeiro con actividades de índole cultural durante a celebración das cales se recadaron fondos destinados á asociación Autismo Ourense. O acto de entrega do recadado, preto de 600 euros, tivo lugar hoxe, 12 de outubro, no Centro Cultural, acto no que participou a deputada provincial, Montserrat Lama; o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Casares; a xerente de Autismo Ourense, Ana Tejada; e o director do Centro Cultural, Francisco González.

“Desde a Deputación de Ourense queremos continuar a colaborar non só coa asociación Autismo Ourense, senón tamén coas diferentes asociacións da nosa provincia que traballan en materia de política social e que realizan un labor imprescindible na nosa provincia”, sinalou a deputada provincial, e Francisco González dixo que a idea “é colaborar cada ano cunha ONG local, nesta iniciativa que é das máis gratificantes que realizamos aquí e que consegue xuntar a preto de cen persoas en cada degustación”.

Pola súa parte, Juan Casares manifestou a súa intención de continuar a colaborar nesta actividade que “reúne os requisitos dunha actividade de promoción dun Consello Regulador e porque ten o valor engadido de ser útil e solidaria”, e engadiu que esta iniciativa é “un dos eventos máis gratificantes nos que temos colaborado porque supuxo mostrar cinco adegas representativas do que é a nosa Denominación de Orixe, a máis antiga de Galicia, e tamén porque a través da promoción se pode reorientar a un carácter de tipo de solidario”.

Ana Tejada destacou a importancia de desenvolver este tipo de actividades “non só pola achega económica senón tamén porque nos permite sensibilizar e achegarnos á xente”. Asemade a xerente da asociación Autismo Ourense asegurou que esta iniciativa “fan que as persoas confiemos en que a sociedade é cada vez máis xusta coas persoas con discapacidade”. A Asociación de Autismo de Ourense foi creada no ano 1999 por pais que teñen a persoas dentro do Espectro Autista de TEA que atende na actualidade a 100 persoas ofrecendo diferentes servizos desde bebés ata adultos. A asociación ten tamén un Centro de Educación Especial “Ilustre Mestre” para persoas autistas, explicou Ana Tejada.

Artigos relacionados

Back to top button