EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Cata de preselección de viños para as Distincións Gallaecia na D.O. Valdeorras

Valoraban 101 referencias (de 29 adegas), delas 53 son de viños brancos, 47 de tintos e un tostado

 

Panel de cata da Asociación de Sumilleres Gallaecia na D.O. Valdeorras./ Foto: CRDO Valdeorras.

O panel de cata da Asociación de Sumilleres Gallaecia visita na mañá do 30 de xullo a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, en Vilamartín. Estes expertos valoraban 101 referencias (de 29 adegas) das que farán unha selección. Delas 53 son de viños brancos, 47 tintos e un tostado). Os viños mellor puntuados pasarán á cata final das prestixiosas Distincións Gallaecia, que terá lugar en setembro.

Esta viaxe enmárcase no calendario de visitas que dende finais de xuño están a realizar os membros da Asociación de Sumilleres Gallaecia polas denominacións de orixe galegas de cara aos citados galardóns. Ademais os datos obtidos en cada unha das catas servirán tamén para elaboración a nova edición da “Guia de Viños, Destilados e Bodegas de Galicia”, que dirixe Luis Paadín.

 

Luis Paadín, un dos catadores do panel./ Foto: CRDO Valdeorras.

Tras a cata, o presidente de Gallaecia, Aurelio Vázquez, comentaba que “os brancos valdeorreses teñen moi boa estrutura e calidades moi altas. Son viños que posúen unha calidade ascendente ano tras ano”. Por outra banda, “os tintos teñen corpos óptimos, con moita froita e moi boas acideces”, engadía.

Pola súa banda, José Luis García Pando, presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, amosouse moi satisfeito co elevado grao de participación das adegas nesta iniciativa sinalando que “máis de 2/3 do total tomaron parte” nela. E manifestaba o seu convencemento de que “os viños valdeorreses seguirán colleitando novos éxitos e recibindo novos premios nos vindeiros meses”.

Artigos relacionados

Back to top button