EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

Cata en Valdeorras para as Distincións Gallaecia e para a “Guía de Viños de Galicia”

Un panel de 11 catadores valoraba un total de 107 mostras (55 delas de brancos) cun balance moi positivo

 

En Valdeorras iniciábase este luns 5 de xullo o calendario de catas para as “Distincións Gallaecia 2021” e tamén para a “Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia 2022” (que elaboran Luis e Alejandro Paadín). Un panel formado por 11 catadores (2 deles de Madrid e o resto de diferente puntos de Galicia) valoraba na sede do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, en Vilamartín, un total de 107 mostras: 55 de brancos, 51 de tintos e 1 escumoso.

A opinión xeral dos catadores era moi favorable, tanto en brancos (coa referencia da godello), como en tintos. “Os viños mellor valorados por todos foron non tanto os da colleita do 2020, senón os anteriores, e non porque foran mellores, senón porque nesas alturas os viños falan máis de territorio e de variedade que de enoloxía, polo tanto, os aromas de recén embotellado non existen e si aparece a elegancia da godello e o potencial de envellecemento desta uva”, destaca o catador Luis Paadín, un dos integrantes do panel.

Ademais Paadín incidía na singularidade do godello desta denominación. “Cando se fala de godello hai que falar de Valdeorras. Está moi ben que haxa godello noutras partes, non dicimos que non, pero os grandes viños de godello de cepas vellas de Valdeorras son imparables, non só como godello, senón como viño, a elegancia feita viño”.

Con respecto aos tintos, tamén balance moi favorable, con “moitos de garnachas centenarias, que son un auténtico espectáculo. A verdade é que xa estamos acostumados a que os brancos de Valdeorras sexan excelentes, pero o dos tintos foi realmente meritorio, ademais comentárano todos os catadores”, sinala Luis Paadín.

O percorrido cos catadores polas denominacións galegas continuará o 12 de xullo coa Cata dos viños DO Ribeira Sacra, que neste caso se realizará na Coruña, o mesmo que a dos destilados, prevista para o 19 de xullo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button