OurenseÚltima hora

Cata feminina e maridaxe sonora en Ribadavia, o 16 marzo

Trátase da segunda edición dunha cata realizada por enólogas do Ribeiro e na que as protagonistas serán tamén adegueiras e colleiteiras desta denominación de orixe

 

A sumiller Mercedes González dirixirá esta cata en Ribadavia./ Foto: Carlos G. Hervella.

No marco da celebración 8 de marzo, Día da Muller, a Concellería de Benestar Social de Ribadavia organizará o vindeiro 16 de marzo ás 18h. a segunda edición dunha cata dirixida únicamente por enólogas do Ribeiro e, onde as protagonistas serán as mulleres adegueiras e colleiteiras desta denominación de orixe.

É unha actividade que resalta o papel das mulleres do sector viño do Ribeiro, este ano cunha novidade; será “Cata con enólogas da D.O Ribeiro, maridaxe sonoro”, onde se degustarán viños desta denominación elaborados por mulleres e harmonizados con música. “O viño leva consigo un conxunto de aromas, gustos e sensacións que case podemos tocar e, a música estimula e asocia as melodías con momentos, por elo quixemos fusionalo”, din dende a organización.

A cata estará dirixida pola sumiller Mercedes González e nela participarán as enólogas Iria Otero e Cristalina Álvarez, así como as adegueiras Xulia Pivida (Adega Son de Arrieiro), Ángeles Montero (Val do Deva), Duvi González (Dona Elisa) e Mónica Albor (da adega do mesmo nome).

Ademais nesta iniciativa o viño maridará coa música, e máis en concreto coa voz de Mónica Ordás, que que foi cantante principal da orquestra Gran Parada e compoñente do Trío Drippers. Estará acompañada ao piano de Alfredo Susavila, pianista de Roi Casal, mestre de piano e xefe de estudos na Escola Estudio de Compostela.

“O obxecto deste acto non é outro que outorgarlle a visibilidade que, as mulleres tiveron e teñen na identificación desta denominación de orixe como produtora de viños de calidade diferenciada. Nos últimos anos, a presenza da muller no sector vitivinícola vén experimentando un forte aumento. Cada vez atopamos máis enólogas, xestoras de adegas, técnicas, emprendedoras que montan o seu propio negocio no sector enolóxico dende cero”, sinala a concelleira de Benestar Social, Noelia Rodríguez.

Este acto terá lugar o día 16 de marzo ás 18:00 horas na Igrexa de Madalena de Ribadavia. O aforo é limitado, prazo de inscrición por rigurosa orde de inscrición: benestar@ribadavia.es

 

Artigos relacionados

Back to top button