EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

“Cata o Arte” coa D.O. Ribeiro en Ourense

Esta iniciativa, que combina degustacións de viños con diversas accións culturais, desenvolverase cada xoves ata o mes de decembro no Centro Cultural da Deputación
Presentación do programa "Cata o Arte" da D.O. Ribeiro en Ourense.
Presentación do programa “Cata o Arte” da D.O. Ribeiro en Ourense.

Viño máis cultura. É a fórmula que despregará cada xoves a partires do 5 de novembro a Denominación de Orixe Ribeiro en Ourense. Será a través do ciclo “Cata o Arte”, que se desenvolverá no Centro Cultural Marcos Valcárcel e que inclúe presentacións e degustacións de cinco adegas desta denominación acompañadas de accións culturais paralelas como teatro, maxia, danza, poesía, música…

O programa arrancará no primeiro xoves de novembro da man de Adega Pousadoiro, que realizará unha dobre cata vertical dos viños Pousadoiro e Norte y Sur, acompañada da poesía do escritor Carlos Abeledo Maristany, do seu libro Lindos Abrollos. O vindeiro 12 de novembro proseguirase coa cata de Bodegas Nairoa que presentará os viños Alberte e Val de Nairoa coa maxia, ilusión e humor do Mago Deimi.

Ademais o 19 de novembro será o momento da realización da cata musical de Ribeiros da man do director técnico do C.R.D.O. Ribeiro, Pablo Vidal en compañía do dúo de guitarra e violín Ad Heyra Liti. O último xoves de novembro, o 26, celebrarase unha cata da Bodegas Cunqueiro cos seus viños Cuqueira, Máis de Cunqueiro e Cunqueiro III Milenium coa representación da obra de microteatro Blanco y en Botella! da man de Martín Vázquez e Jorge Gallardo.

O primeiro xoves de decembro será o intre de Bodega Alanís que presentará o seu viño Gran Alanís acompañado da danza contemporánea da Compañía TasPediante – D-OU-TRAS (Aula Danza universitaria de Ourense). E para rematar esta segunda edición, o broche final poñerao Adega Ramón do Casar coa cata vertical do seu viño plurivarietal Ramón do Casar en harmonía coa performance teatral Nexos de Baula Escena.

O programa deste ciclo presentábase o 4 de novembro nun acto no que participaban o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Miguel Ángel Viso Diéguez, o director do CC Marcos Valcárcel, Francisco González Bouzán, o asesor de Cultura de Deputación de Ourense, Aurelio Gómez Villar, o deputado de Cultura, Manuel Doval, a directora de relacións institucionais de ABANCA, María José López Rubal, un dos artistas que repiten participación, o Mago Deimi e os representantes das adegas colaboradoras do ciclo.

Artigos relacionados

Back to top button