EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaVídeos

Cata Transfronteiriza de Aceites de Oliva Virxe Extra, no Museo Etnográfico de Quiroga

Nesta iniciativa, promovida pola revista HGg&T, un panel de 15 catadores valoraba aceites de diferentes puntos da península, entre eles aceites da comarca de Quiroga

 

Uns corenta aceites diferentes (tanto de diferentes puntos de España como de Portugal) eran valorados esta mañá en Quiroga por un panel de 15 expertos na análise sensorial de aceites, do que formaban parte membros de AMIAQUIGAL, asociación que preside o profesor eexperto en aceites, José Espinosa. O Museo Etnográfico da vila acollía a partir das 12h. a Cata Transfronteiriza de Aceite de Oliva Virxe Extra (AOVE), organizada pola revista “Hostelería, Gastronomía galega & Turismo” (HGg&T).

Xunto con aceites galegos autóctonos, entre eles os de Quiroga e Ribas de Sil, había mostras de aceites portugueses e do resto da xeografía española. Serán avaliados en rigorosa cata cega por un panel duns 15 expertos na análise sensorial do aceite.

A iniciativa de organizar esta cata en Quiroga “vén reforzar a pretensión do Concello quirogués e dos produtores locais de logar unha denominación de orixe para o aceite que se produce na comarca. Os resultados da devandita cata, cuns 40 aceites diferentes, será publicada na edición de maio-xuño da nosa publicación”, adiantan dende (HGg&T).

“Non sendo unha cata clasificatoria ao uso, con ela preténdese establecer nun marco rigoroso, sostible e contrastable a aceptabilidade para usos e maridaxes de diversos AOVEs que, coas súas particularidades, representan a oferta dos mesmos aos consumidores en extenso e á práctica restauradora en particular”, explica José Espinosa, presidente de AMIAQUIGAL.

 

 

Ademais, este experto en aceite asegura que a súa celebración en Quiroga “representa un recoñecemento á produción oleícola da comarca de Quiroga, que sen carácter exclusivo nin excluínte, supón un recoñecemento da súa identidade oleícola potencial, máis ao estar representada por aceites das zonas integrantes enmarcadas nas concas do Sil e do Bibei, e por extensión ás súas áreas de influencia. Así mesmo, reforza a argumentación da singularidade da produción que, de calquera modo, representa unha fundamentación para o seu recoñecemento como Denominación de Orixe ou institución similar pola súa biogeografía e pola estrutura varietal das súas plantares”.

A cata

Moi similar á cata do viño, a “cata transfronteiriza” de aceite é unha “análise sensorial, cos cinco sentidos, desenvolta en catro etapas, cuxo resultado se expresa como unha avaliación sensorial que define cada aceite pola valoración da presenza e intensidade de caracteres cualitativos como froital intenso, afroitado, picante, doce, fresco, sutil ou herbáceo e ademais incluíndo referencias a posibles maridaxes e usos, xunto cunha valoración persoal globaldel aceite como expresión da aceptación xeral ou preferencia”, explican dende AMIAQUIGAL.

 

 

O aroma, sabor, carácter, cor e textura, caracteres ou atributos organolépticos dun aceite varían en función do ambiente en que crecesen as oliveiras, da variedade de oliva, do seu procesado e do seu posterior almacenamento e conservación, tal e como explican dende a asociación quiroguesa. “Estes atributos pódense percibir en intensidades variables e, a súa presencia sen arestas, en harmonía e proporción adecuadas, representan a exquisitez propia do mellor aceite de oliva virxe extra”.

Para o estudo ou análise sensorial nesta “Cata transfronteiriza” introdúcese unha cantidade aproximada de 15 ml nunha copa de cristal de bordo estreito que reteña mellor o aroma e aí empezaba, a cata transfronteiriza. Para realizar a análise sensorial dun aceite téñense en conta diferentes etapas: a visual, a olfativa, a gustativa e a táctil.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button