EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Catas comentadas, entre os actos da XXIII Feira do Viño de Valdeorras

A mostra celebrarase na fin de semana do 9 e 10 de xullo na praza Otero Pedrayo de Viloira (O Barco)

Imaxe da Feira do Viño do 2019./ Foto: A.R.

 

O pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras abordaba hoxe, de xeito case monográfico, a celebración da vindeira edición da Feira do Viño, que se terá lugar na praza Otero Pedrayo de Viloira (O Barco) durante a fin de semana do 9 e 10 de xullo. Para promocionar e organizar esta edición da feira, a primeira que se realiza tras un parón de dous anos ocasionado pola pandemia, aprobouse un acordo entre o Consello Regulador e o Concello do Barco de Valdeorras.

Dende o Consello Regulador e dende o propio Concello do Barco estase a deseñar un programa de actividades paralelas para diferentes públicos, que inclúen catas comentadas sobre maridaxe dos viños comarcais con diferentes variedades de queixos ou pans, entre outros produtos autóctonos. Amais diso, celebrarase un obradoiro de iniciación á cata. Proximamente, desvelarase tanto o cartel ilustrador da feira como o programa completo de actos.

O que xa se acordou na sesió plenaria é o prezo das copas durante a Feira, que será de dous euros e o das degustacións, de 1,75 euros. Se ben, haberá packs de aforro no caso de que se adquiran catro ou máis degustacións. O horario de apertura dos stands das adegas será de 12,30 a 14,30 horas e de 19,30 a 23,00 horas durante o sábado e o domingo.

Previamente á celebración da Feira, é como é habitual, desenvolverase unha nova edición da Cata Oficial dos Viños de Valdeorras. Terá lugar na xornada do venres, 8 de xullo, e os premios entregaranse ese día pola noite no Paladium de Vilamartín de Valdeorras.

O viño, protagonista absoluto

O presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, anima a participar deste mostra a veciños e visitantes. “Non se arrepentirán -asegurá- descubrirán o auténtico berce do godello, cuns brancos envexables e uns tintos que cada vez gozan de máis prestixio e recoñecemento e, por suposto, todo isto no marco dunha paisaxe incomparable, cunha gastronomía autóctona e un patrimonio vitivinícola singular entre o que salientan as míticas covas”.

Artigos relacionados

Back to top button