Galerías de fotosOurenseÚltima hora

A Catedral de Ourense estrea imaxe corporativa e xestión turística

Da man de ArtiSplendore pon en marcha nova web, servizo de audioguías en catro idiomas e implementa a venda de entradas para os visitantes

A Catedral de Ourense é, dende hoxe, máis visible ca nunca. O templo adicado ao patrón da cidade, San Martiño, estrea imaxe corporativa, nova web e xestión turística que permitirá dar unha maior visibilidade ao patrimonio cultural e relixioso que atesoura. O resultado do proxecto iniciado hai uns meses, foi presentado esta mañá no Liceo nun acto que contou coa participación do máximo representante do cabildo, José Pérez, o bispo de Ourense, Leonardo Lemos, e representantes da empresa autora, ArtiSplendore. Así mesmo, tamén estiveron presentes o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, e o alcalde da cidade, Jesús Vázquez.

Coa premisa de “non vender” o templo pero si buscando unha rendibilidade orientada cara o seu mantemento, os traballos comezaron no pasado mes de maio. Agora, os resultados pódense coñecer na súa gran maioría a través da web www.catedralourense.com, onde se mostra información de horarios de misas, de visitas e até un spot promocional pero hai máis novidades. Así, o templo conta dende xa cun servizo de audioguías en catro idiomas: galego, castelán, inglés e portugués que, previsiblemente, irá incorporando outros novos segundo demanda.

Por outra banda, nesta aposta por unha xestión turística máis eficiente, a Catedral de Ourense vén de implementar por vez primeira un sistema de venda de entradas que fará incrementar os ingresos da institución. “A catedral non se vende pero ten grandes necesidades”, apostaban desde o cabildo. Pola súa parte, o bispo entende que “é un lugar de culto que xera cultura e iso plásmase en beleza e arte que debemos dar a coñecer”.

Con miras a estas dúas vertentes -promocionar a cultura e preservar o culto da relixión- ArtiSplendore seguirá a traballar para complementar o novo sistema de xestión. Así, nos próximos meses activaranse tamén perfís da catedral nas redes sociais, incluirase o alemán ás audioguías e porase en marcha a venda de entradas on line, xa que aínda non se contempla esta opción.

Tras a presentación, as autoridades achegáronse até a propia catedral para realizar un breve paseo con guía polo seu interior.

Texto e fotos: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button