CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Cativos e maiores comparten unha tarde de lecer na residencia de O Bolo

A 3ª edición da Festa da Familia tiña lugar na tarde do 18 de xullo

Teatro, música, concurso de baile, cancións populares e merenda. Son os ingredientes cos que se cociñou a 3ª Festa da Familia na residencia de maiores de O Bolo que se celebraba na tarde do 18 de xullo. Un acto onde participou boa parte do concello, dende as autoridades locais e sacerdotes ata familiares dos residentes e veciños, algúns incluso de municipios cercanos como Viana do Bolo.

A celebración vai xa pola terceira edición, con moi boa acollida. “Non se trata só dun momento ideal para honrar aos nosos maiores, senón que se está convertendo nun acto especialmente emotivo e importante para todos, maiores, xoves e nenos”, explican dende a residencia, engadindo que a “Fundación San Rosendo, coma sempre, acolle esta celebración de maneira entusiasta e abre as portas das súas instalacións nesta festa popular onde os seus residentes maiores son os protagonistas”.

A Festa da Familia naceu co espírito de “dar alegría, cariño e vida aos maiores da residencia, pero pronto todos, residentes ou non, se sentiron incluídos e con eles non solo o pobo de O Bolo senón todo o Concello e moito máis alá”, aseguran dende a organización.

Nesta ocasión, presentado por Rosa Mari Pérez, o festival incluía coma sempre unha obra de teatro (A consulta de Melquiades) onde os cativos do Club Patatero deixaron claro as súas dotes interpretativas; pero tamén actuacións musicais e bailes tamén interpretados por membros do club (Ave María, Alecrín dourado, Rolling in the deep, No me doy por vencido, Soy una taza,…). Na festa non faltou a canción popular galega como Catro vellos mariñeiros ou A saia da Carolina; o son da gaita; e a actuación do grupo de Viana do Bolo Tabernícolas que interpretaron entre outros Eu querer quérote ben, Vén bailar Carmiña ou O pirimpimpín.

Tamén houbo un divertido concurso de parellas que houbo que desempatar e unha boa merenda na que non faltou o xamón serrano cortado en directo por dous cortadores profesionais, un deles todo un artista na decoración de bandexas con froita que, ademais de alimentar o corpo alimenta o espírito.

Deste xeito, cun sorriso, O Bolo daba a benvida ao verán.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button