ConcellosÚltima hora

Catorce agrupacións de Protección de Civil da provincia reciben equipamento de emerxencias

Entre elas están as do Bolo, Río, Vilamartín, Viana ou Vilariño e recollían este material nun acto celebrado esta mañá en Beariz

Un total de sete vehículos pick-up e de sete remolques entregábanse nesta mañá de 21 de setembro ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de 14 concellos da provincia de Ourense. Así Protección Civil de San Xoán de Río, de Boborás, Sarreaus, Beariz, Vilamartín de Valdeorras, Vilariño de Conso e A Bola recibían cada unha delas un vehículo pick-up; mentres que as de Xunqueira de Ambía, Viana do Bolo, Muíños, Carballeda de Avia, Esgos, O Bolo e Paderne de Allariz foille entregado un remolque equipado con material de emerxencias.

Este tipo de remolques conta para as súas funcións cun equipamento mínimo consistente nunha electrobomba sumerxible, unha motobomba para augas residuais, xeradores de electricidade portátil, motoserra, rozadora, torre de iluminación e  kit de balizamento e sinalización.

 

O alcalde de San Xoán de Río co responsable de Protección Civil do seu municipio na entrega do material./ Foto cedida.

 

 

Neste acto, que tiña lugar en Beariz, participaba o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira. A Xunta levou a cabo nesta entrega un investimento de case 340.000 euros ao abeiro das axudas da Vicepresidencia para equipamentos de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva a concellos de menos de 50.000 habitantes executadas grazas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014-2020 (Feder).

O vicepresidente da Xunta destacou a labor altruísta dos voluntarios, que contribúen a ofrecer un mellor servizo aos cidadáns . Por iso, destacou a importancia da colaboración da Xunta cos concellos en materia de protección civil e emerxencias para dotalos dun equipamento adecuado que permita acadar unha maior seguridade para os membros dos servizos municipais e, por ende, dos seus veciños.

Nesta liña, Alfonso Rueda lembrou o compromiso da Xunta para conseguir que a atención ás emerxencias sexa eficaz e estea garantida en todo o territorio galego, con independencia da situación xeográfica do concello.

Fotos cedidas.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button