CulturaCulturaÚltima hora

Catorce concellos e a Deputación asinan o acordo da Rede Provincial de Espazos Culturais

Un total de 200.000 euros, en dúas anualidades, é o que empregará o goberno provincial para desenvolver unha programación cultural coordinada cos concellos
O convenio asinouse no Centro Cultural Marcos Valcárcel en Ourense.

A Rede Provincial de Espazos Culturais, formada polos concellos da Peroxa, A Rúa, Bande, Barbadás, Cartelle, Celanova, Coles, Montederramo, O Barco de Valdeorras, San Cristovo de Cea, Verín, Viana do Bolo, Vilamarín e Xinzo de Limia reuníronse hoxe co presidente da Deputación, Manuel Baltar, para asinar un convenio de colaboración para desenvolver unha programación cultural coordinada entre a institución provincial e os municipios, co obxectivo de fomentar e difundir a música e as artes escénicas na provincia. Está previsto que a esta iniciativa tamén se unan os concellos de Castrelo de Miño e O Carballiño.

A institución provincial destina, en dúas anualidades (2016 e 2017) un total de 200.000 euros para desenvolver esta programación cultural coordinada cos concellos dentro do marco desta rede, que xa programou e celebrou ao longo deste ano 36 actuacións nas que participaron 23 grupos solistas.

No acto de sinatura do convenio, que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel, Manuel Baltar agradeceu aos concellos a súa participación nesta rede cultural, “porque este é tamén un xeito de facer provincia entre todos”. Baltar subliñou que a cultura é “un eixo dinamizador socio-económico dunha provincia na que a Deputación difunde a nosa riqueza tradicional”.

O presidente provincial destacou que o convenio asinado hoxe polas distintas entidades municipais coa Deputación enmárcase dentro do Plan de mandato “Ourense 15-19” da Deputación de Ourense. As bases de dito programa de cooperación do ente provincial cos concellos para a creación e co financiamento da Rede Provincial de Espazos Culturais e a programación de actividades foron aprobadas no pleno da corporación do mes de maio. O obxectivo do mesmo é cooperar entre as institucións para o fomento e a difusión das artes escénicas e da música na provincia, mediante a constitución dunha rede de espazos culturais (auditorios, casas de cultura e centros multiusos) da provincia, establecendo así o seu marco regulador.

Artigos relacionados

Back to top button