CulturaCulturaÚltima hora

Catro horas de “Historias extraordinarias” concentradas nun libro DVD

O director Mariano Linás presentou hoxe este traballo no marco do Festival Internacional de Cinema de Ourense
Fran Gayo, Mariano Linás, Manuel Asín e Pedro Medina. // Foto: Carlos Asensio.

Moitas novidades trae a vixésimo segunda edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), unha delas presentouse hoxe, 20 de outubro, no Café&Pop Torgal de Ourense. Concretamente o DVD de “Historias Extraordinarias”, un traballo do director arxentino Mariano Linás. Unha peza que tamén contén, segundo explicou o responsable da editorial Intermedio – que é a que o edita-, Manuel Asín, “un libro de 64 páxinas” que recolle varios documentos sobre a cinta. Asín salientou un titulado Resumen general “no que hai unha reflexión previa e unha escaleta do guión” e Informes sobre escenas problemáticas.

Na presentación tamén estivo o director do Festival, Fran Gayo, e o director xeral da revista Caimán Cuadernos de Cine, Pedro Medina.

En canto a “Historias extraordinarias”, versa sobre “X”, “H” e “Z”, que son tres homes comúns que protagonizan esas tres historias extraordinarias. Pero o director, Mariano Linás, dixo que “non é que o argumento xire en torno a esas historias, senón que o que pretende demostrar é que as historias extraordinarias están en todas partes”.

O escenario elixido por Linás para estas “historias extraordinarias” foi “a provincia de Buenos Aires, un lugar “de campo no que, ao parecer, nunca pasa nada”. Durante catro anos, contou, estivo viaxando por este lugar “como o que vai ao monte a recoller setas”, dixo. E, entre parada e parada aproveitou para escribir a película: “Podo asegurar que esta película foi inventada en comedores de hotel, bares de estrada e autobuses de longa distancia”. En si, o cineasta reiterou que a meirande parte destas historias “teñen algo que ver con algo que me pasou a min”.

Así, o proceso de creación, salientou Mariano Linás, durou “catro anos en pensarse, un ano en filmala e 5 meses en editala” e este DVD sae “dez anos despois da estrea”.

Como elemento salientable, o director quixo resaltar a presenza “da voz en off”. Neste senso asegurou que “se nos primeiros 15 minutos a voz en off non te afoga, as catro horas pasan voando”.

Fran Gayo, director do Festival, avalou as palabras do director asegurando que cando el veu o filme “sentinme como que estaba a visitar un lugar xeográfico no que todo morre”, o director salientou que a súa historia favorita “é unha historia de amor extraordinaria, a mellor que eu vin no cinema”.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button