En portadaÚltima hora

Ata catro incendios en Vilariño de Conso

Tres están activos en Chaguazoso (cunhas 400 has queimadas), Sabuguido e Castiñeira, e un cuarto estabilizado en San Cristovo
Un dos lumes de Vilariño de Conso./ Foto: Brif Laza.

Vilariño de Conso está sendo o concello galego máis afectado polos lumes forestais. Nestes momentos neste municipio hai catro incendios dos cales tres están activos e un cuarto estabilizado, segundo os últimos datos feitos públicos pola Consellería do Medio Rural.

O que máis tempo leva é o de Chaguazoso, activo desde as 16:59 h. do mércores día 11 de outubro. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta a arredor de 400 hectáreas. Na súa extinción levan traballado 12 axentes, 29 brigadas, 13 motobombas, 2 pas, 8 helicópteros e 3 avións.

Ademais está activo desde as 10:00h. de onte outro lume en Sabuguido. Segundo as primeiras estimacións afecta máis de 50 hectáreas. Na súa extinción levan traballado 2 axentes, 2 brigadas, 1 motobombas. Tamén activo permanece o de Castiñeira dende as 03:45 h. da madrugada do xoves. Afecta provisionalmente unhas 30 hectáreas. Na súa extinción levan traballado 4 axentes, 13 brigadas, 11 motobombas, 1 pa, 3 avións e 2 helicópteros.

Hai asemade un cuarto lume en San Cristovo que se encontra estabilizado desde as 21:10 h. de onte. Afecta provisionalmente máis de 50 hectáreas. Na súa extinción levan traballado 2 axentes, 3 brigadas e 4 motobombas.

A maiores no oriente ourensán rexístrase outro lume activo en Paradela, no concello de Manzaneda. Comezaba onte ás 23:36h. Arestora afecta provisionalmente a unhas 20 hectáreas. No seu control traballan 3 axentes, 10 brigadas, 9 motobombas e 1 pa.

Artigos relacionados

Back to top button