Nas eleccións xerais do vindeiro 20 de decembro as listas ao Congreso dos Deputados do partido socialista serán lideradas nas catro provincias galegas por mulleres. Así a proposta do PSOE aprobada o 16 de outubro en Madrid pola Comisión Federal de Listas e que debe ser ratificada o 17 de outubro polo Comité Federal, é que Pilar Cancela sexa cabeza de lista por A Coruña, Dolores Galobart por Pontevedra, Margarita Pérez Herráiz por Lugo, e Rocío de Frutos por Ourense.
“O PSdeG será desta maneira o primeiro partido galego que presenta a catro mulleres como cabeza de lista ao Congreso dos Deputados, un reflexo da súa aposta pola presenza das mulleres en cargos públicos”, tal e como se destaca dende esta formación política.
A cabeza de lista ourensá polo PSOE ao Congreso é Rocío de Frutos, licenciada en Dereito, e que forma parte do Corpo Superior de Inspectores de Traballo e Seguridade Social. Foi secretaria xeral da Subdelegación do Goberno en Ourense.