EconomíaEconomíaÚltima hora

Catro polígonos da provincia terán internet de alta velocidade ao longo do 2018

A empresa de telecomunicacións R, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Antega), vai instalar este servizo nos polígonos de Xinzo, Trado (Pontedeva), Vilamarín e Santa Marta (Pereiro de Aguiar)

 

Alfredo Ramos, Marisol Díaz e Mar Pereira. // Foto: Carlos Asensio.

Catro parques empresariais da provincia vanse ver beneficiados de internet de alta velocidade ao longo do 2018. Esta iniciativa está sendo levada a cabo pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Antega) a través do seu segundo Plan de Banda Longa co obxectivo de que os parques empresariais galegos cheguen ao “obxectivo marcado pola Unión Europea para o 2020 de contar con 30 megas”. Así o asegurou hoxe, 8 de febreiro, a directora de Antega, Mar Pereira, na presentación desta iniciativa na Delgación Territorial da Xunta en Ourense, acompañada pola delegada, Marisol Díaz; e o director xeral de R, Alfredo Ramos.

Concretamente, os polígonos ou parques empresariais que van recibir este aumento de velocidade na internet son os de Xinzo da Limia, Trado (Pontedeva), Vilamarín e Santa Marta (Pereiro de Aguiar). O operador encargado de instalar esta alta velocidade será a compañía “R”, xa que foi a gañadora do concurso público para dito fin. Actualmente, 7 polígonos ourensáns xa se viron beneficiados desta instalación, dun total de 81 en toda Galicia.

O director xeral de R, Alfredo Ramos, contou que esta instalación ten un orzamento de 5,27 millóns de euros dos cales a Antega achega 3,4, financiados na súa maior parte -75%- por fondos europeos FEADER.

Ramos explicou que esta rede de banda longa chegará “a 200 emprazamentos empresariais” para que as empresas “poidan competir ao primeiro nivel para acometer procesos de mellora dixital e produtivos” e, tamén, de mellora na relación cos clientes e “o empoderamento dos empregados”, dixo.

O director xeral remarcou que a súa compañía vai servir “como catalizador” para que estas empresas entren dentro desa denominada “industria 4.0”. Ademais porá a disposición das empresas o servizo da “nube” ou Big Data na que “terán un sistema de pago por uso”. Finalmente, adiantou que todas estas actuacións levaranse a cabo de xeito trimestral -tres meses por polígono- ao longo de todo o 2018.

Axudas

Asemade, a directora de Antega, Mar Pereira, lembrou que a Xunta ten unha liña de axudas “para empresas illadas”, é dicir, empresas que non están neses núcleos industriais, para a mellora na súa conectividade a internet. “Un total de 30 empresas víronse beneficiadas deste programa”, dixo.

Ao mesmo tempo lembrou que o pasado 15 de xaneiro saíu publicado no DOG unha liña de axudas para esta mellora da conectividade pero no rural galego. Un total de 14 millóns de euros que teñen como obxectivo conectar mellor esas localidades de menos de 150 habitantes. “Esta é unha medida complementaria ás axudas do Estado, que é o que ten as competencias en materia de Comunicacións, que orzamentou 21 millóns de euros”, dixo Pereira.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button