CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

CCOO alerta da precariedade e desigualdade no ensino no oriente ourensán

A perda de aulas e profesorado nas comarcas de Valdeorras, Trives e Viana duplica a da provincia

Hai uns días dende CCOO Ensino Ourense falaban de precariedade, desigualdade e perda de calidade no ensino a nivel de provincia que se vei incrementado case o dobre no oriente ourensán.  “Precariedade porque temos moitos máis docentes interinos e moita carga de afíns, é dicir teñen que impartir materias das que non son especialistas, e tamén temos maior número de itinerancia (profesorado que ten que compartir varios centros); e desigualdade porque non é o mesmo estudar no rural que na cidade e o problema aquí é moito maior; ao que hai que engadir unha baixada da natalidade moi importante”. Con estas palabras, Daniel Rodríguez, responsable de Comunicación en Ourense da Federación de Ensino de CCOO, comezaba a súa intervención na rolda de prensa que daba na mañá do 21 de setembro na sede no Barco de Valdeorras, sobre o inicio de curso, asegurando que “dende 2009 pecharon colexios como o de Montederramo e escolas unitarias como as de Éntoma (O Barco) e Larouco, e perdéronse 20 aulas de Infantil e Primaria, o que supón o 33% das aulas pechadas en toda a provincia”.

Un dos perxudicados nesta redución de aulas é o CEIP Manuel Respino da Rúa. Segundo explican dende Comisións, este ano non había ningunha modificación marcada para a zona de Valdeorras no catálogo da Xunta que especifica o número de unidades e de aulas en función do número de alumnos, “pero si que se perdeu un aula no colexio da Rúa”, asegura Daniel. “Non é oficial aínda pero este ano xa perderon o profesorado que supón baixar de 8 unidades de Primaria a 7, e iso supón perder un profesor de inglés”, puntualiza, facendo fincapé en que se trata dun centro que se está esforzando moito por ter unha sección bilingüe. “O que nós pedimos é que se nalgún momento hai que modificar un catálogo, á parte do ratio de alumnos, hai que ter en conta outros aspectos, como o esforzo do colexio como neste caso para dar calidade ao centro e evitar a carga lectiva do profesorado”.

Con respecto a docentes de Primaria, durante a crise perdeuse o 19% do profesorado nesta zona oriental de Ourense (na provincia foi o 11%), segundo os datos de CCOO, e o profesorado precario (interinos) aumentou este ano un 5% con respecto ao curso 16/17 a pesar da Oferta Pública no Ensino 2017 “que foi insuficiente”. Ata o punto de que o “29% do profesorado da comarca é interino”, di Daniel, asegurando que un tema que lles preocupa moito é o da itinerancia. “Cabe destacar o aumento nun 7% respecto ao anterir curso, do profesorado itinerante que cada vez ten máis itinerancias con ata 4 centros. CCOO Ensino considera que estas permiten flexibilizar a adxudicación e facilitar a mesma, pero non mellora a calidade do ensino polo que non debe ser o habitual senón a excepción”.

CCOO Ensino leva anos denunciando que “a Consellería está a deixar morrer os nosos pobos e vilas, política que está a afectar gravemente a provincia de Ourense ao ser o rural un dos nosos maiores valores”, por iso piden á Xunta que “haxa un plan de emprego para as vilas, porque cremos que hai que apostar polo que temos: moitos rescursos naturais e culturais que se poden aproveitar e que nos axudarán porque se temos emprego, teremos colexios porque haberá familias nos pobos”.

Con respecto á Educación Secundaria, a CCOO Ensino preocúpalles especialmente a FP Básica, “a única saída que a LOMCE lle deu ao alumnado que non supera o 3º da ESO”, explica Daniel, “iso ou o fracaso escolar”, puntualiza, polo que debería ter aumentado en número de alumnado e pola contra “está sufrindo unha perda do 30% na provincia respecto ao curso 16/17”, debido quizais á “escasa oferta e mala planificación”. As ensinanzas de FP Básica “son de oferta obrigatoria e a Consellería debe dar alternativas reais ao alumnado”, dixo Daniel, lamentando que en comarcas como as de Valdeorras, Viana e Trives os alumnos só poidan elixir entrwe Electricidade e Electrónica (Trives), Mantemento de Vehículos (O Barco) e Informática de Oficina (Viana e A Rúa)”.

No que atinxe ao profesorado e malia non ter datos da Xunta dende o 2013, tendo en conta os resultados anuais na adxudicación provisional de destinos “consideramos que descendeu preto do 10-11% dende o 2009 a nivel provincial e ademais, o 34% ten afinidade (un 10% máis que a nivel de provincia) é dicir, imparte materias das que non é especialista”, aseguran dende Comisións, denunciando os problemas que están a ter algúns centros á hora de cubrir as baixas do persoal laboral non docente (cociñas, coidados de alumnado con NEE e limpeza dos centros).

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button