SanidadeÚltima hora

CCOO pídelle á Xunta un área de pneumoloxía para o Hospital Comarcal Valdeorras

Membros deste sindicato veñen de manter unha reunión co director xeral de Asistencia Sanitaria da Xunta de Galicia
Exterior do Hospital Comarcal Valdeorras no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

Neste mércores 17 de xullo representantes do Comisións Obreiras reuníanse co director xeral de Asistencia Sanitaria da Xunta de Galicia, Jorge Aboal Viñas, para solicitar unha área de pneumoloxía no Hospital Comarcal de Valdeorras (HCV), tal e como se informa dende ese sindicato. Tamén lle entregaban un dosier sobre os casos de silicose detectados nos últimos anos, así como un informe do Instituto Nacional da Silicose.

A delegación de CCOO estivo integrada polo secretario nacional de Saúde Laboral, Roi Fernández, a súa homóloga da Federación de Industria, Inma Santamarta, e José Hurtado. Os representantes sindicais manifestaban neste encontro a “necesidade de reforzar a cobertura sanitaria nesta comarca, ante os numerosos casos que están aflorando ultimamente”.

Ademais dende CCOO aseguran que “a silicose está relacionada co sector da lousa, o máis importante da comarca. A creación da área de pneumoloxía evitaría que a poboación se tivese que desprazar ata o Hospital de Ourense para acceder ao servizo, situación especialmente gravosa polo déficit de comunicacións —como mínimo, cen quilómetros de distancia e hora e media de traxecto”.

Por último, desde CCOO apuntan que “a creación da área de pneumoloxía non substituíra as competencias que a día de hoxe ten o Instituto Nacional da Silicose, con sede en Oviedo, xa que segue a ser esencial en todos os aspectos relacionados con esta patoloxía”.

Finalmente o sindicato asegura, a través de nota de prensa, que o responsable do Sergas “comprometeuse a estudar petición, a solicitar un informe técnico sobre a súa viabilidade e a dar resposta no prazo máis breve posible”.

Artigos relacionados

Back to top button