CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

CCOO reclama “políticas de natalidade e emprego que salven os colexios no oriente ourensán”

O curso 2018/2019 comezou con dúas unidades de Infantil e Primaria menos
Daniel Rodríguez, Responsable de Comunicación, Información e Cultura (Ourense), da Federación de Ensino de CCOO Galicia./ Foto: Mónica G. Bellver.

Un ano máis, coincidindo co inicio do curso 2018/2019, a Federación de Ensino de CCOO Galicia presenta os datos actualizados do seu “Informe de catálogos 2009/2018”, uns datos que no caso do oriente ourensán seguen preocupando ao sindicato, especialmente no que se refire á perda de aulas e por conseguinte de profesorado, en Educación Infantil e Primaria. “Tralos datos dos últimos nove anos temos moi claro que somos o sumidoiro das perdas da provincia de Ourense. O problema que temos actualmente é que faltan nenos no rural en moitos centros porque imos por un camiño incorrecto, e dende o noso punto de vista deberían implicarse a Administración Local (os concellos) e a Autonómica”, explica o responsable de Comunicación, Información e Cultura (Ourense) da Federación de Ensino de CCOO Galicia, Daniel Rodríguez, asegurando que no período do informe perdéronse 21 aulas, o 20% das que hai na provincia. “Neste último curso, perdemos dúas de Primaria, unha en Vilariño de Conso e outra no CEIP Manuel Respino da Rúa que segue co goteo constante ano tras ano. De profesorado perdéronse 4 docentes”.

Con respecto á FP Básica, dende CCOO Ensino destacan  a escasa oferta formativa “tendo en conta que preto o 20% do alumnado elixe esta opción para finalizar as ensinanzas obrigatorias”. A FPB é a única vía de escape para o alumnado que non vai ser capaz de superar 4º ESO pola modalidade ordinaria (ensinanzas que aumentan un 4% a súa matrícula respecto o curso 15-16), polo que consideran “inaceptable que no oriente ourensán o alumnado só poida escoller entre mantemento de vehículos (O Barco), electricidade (Trives) e informática (Viana e Rúa), ciclos formativos que en ocasións non poden iniciarse ao non acadar o mínimo de 5 alumnos marcado pola consellería”, instando á Administración a “reducir ese ratio mínimo que permita a creación de ciclos de FPB con menos alumnado e evite así o fracaso escolar de moitos alumnos do rural”. Segundo os datos do informe, en Secudaria mantense máis ou menos o alumnado. “Hai unha tendencia á baixa tanto na ESO coma no Bacharelato pero non é significativa”. Onde si é notable é na Formación Profesional onde despois de nove anos á alza, está estancada.

 

Inicio de curso en Infantil e Primaria no Barco de Valdeorras. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

A nivel infraestruturas, seguen sen noticias do comezo das obras do pavillón do CEIP Julio Gurriarán do Barco de Valdeorras. “Tras anunciar o ano pasado que as obras se acometerían no verán do 2018, as obras non comezaron e segundo fontes da propia Consellería, acometeranse durante o vixente curso co que isto suporá para o normal funcionamento do centro”, motivo polo que esixen que a Administración educativa “planifique as obras nos centros de tal maneira que coincidan en período non lectivo evitando que o alumnado e os traballadores dos centros teñan que sufrir as consecuencias (ruído, sucidade,…).

A boa nova deste ano está no tema das itinerancias (profesorado que comparte varios centros) que se reducen nun 9% (do 25 pasan ao 16%) volvendo a valores de hai dous cursos.  As denuncias feitas o ano pasado do exceso de itinerancias, deron o seu froito e a Administración aumentou o profesorado de necesidades educativas especiais reducindo o numero de docentes con mais dun centro a itinerar.

Daniel tamén fai referencia ao transporte escolar, concretamente ao que atinxe a un grupo de rapaces de Pumares que dende hai tres anos tiñan serios problemas para volver a casa dende o colexio Tomás Terrón Mendaña de Sobradelo. “O bus paraba en plena 536 co cal tiñan que cruzar a estrada co perigosa que é porque paraba no lado contrario a onde os recollían os pais”, explica, asegurando que despois de facerlle dar moitas voltas e pasar o problema dun departamento a outro, conseguiron que o autobus deixe aos nenos na praza do pobo, “como facía ata hai tres anos, momento en que cambiou a empresa e alegaba que alí non podía dar a volta”. Por iso, denuncian “a irresponsabilidade por parte da Consellería que non fixo nada durante tres anos co perigoso da situación”, destacando que motas veces as solucións “son máis cuestión de vontade política que doutra cousa”.

Artigos relacionados

Back to top button