DeportesÚltima hora

CD Barco e SD Ponferradina xogarán en Calabagueiros contra a violencia de xénero

O partido amigable será o mércores 27 de novembro ás sete da tarde

 

O vindeiro luns 25 de novembro celebrarase o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero e dende o Centro de Deportes Barco súmanse á loita coa organización dun partido moi especial incluído dentro da programación do Concello.

O vindeiro mércores 27 de novembro a partir das sete da tarde o equipo sénior do CD Barco e a SD Ponferradida de segunda división, enfrontaranse nun partido amigable no campo de fútbol de Calabagueiros. A entrada custará 5 euros (gratis para os nenos) e todo aquel que asista ao partido cunha camiseta morada “recibirá rifas para participar nun sorteo de camisetas e bufandas da Ponferradina e do Barco”, buscando unha “gran marea morada” en apoio á loita contra a violencia machista. Así o explicaba o presidente do club barquense Daniel Ramos, na presentación do partido que tiña lugar no mediodía do 20 de novembro.

 

Presentación do partido contra a violencia machista no Barco.

 

Ao acto tamén asistía Rubén García, xogador do Barco e coordinador das Escolas Deportivas de Fútbol; o concelleiro de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade Orlando Saavedra; e o concelleiro de Deportes do  Barco Aurentino Alonso. Saavedra asegurou estar moi orgulloso de que o deporte, neste caso o fútbol, se una á loita contra a violencia machista. “Dende o Concello estamos preparando todas as actividades para conmemorar o 25 N e foi unha grata sorpresa a inclusión do partido entre o CD Barco e a Ponferradina para visualizar esta loita e o feito de que O Barco sexa un espazo libre da violencia machista, algo que agradecemos ao club polo esforzo que supón”, dixo.

O presidente do Barco asegurou que esta é unha forma de colaborar coa causa, esperando que a xente que asista o pase ben e vexa bo fútbol. Ademais tamén colaborarán coa Carreira Contra o Cancro de Páncreas que se celebrará este domingo en Vilamartín, donando unha parte da recadación do partido coa Ponferradina.  Aurentino Alonso pola súa banda deu as grazas ao club que “sempre está disposto a colaborar con todo acto que precise apoio”, adiantando que a camiseta coa que facían a presentación do partido (morada e co lema “No es No”), será a que reciban este ano os máis de 800 usuarios das Escolas  Deportivas Municipais.

 

Este será a camiseta que entregarán este ano aos usuarios das EDM do Barco.

 

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button