DeportesÚltima hora

CD Barco-SD Ponferradina no I Trofeo de Fútbol de Cruz Vermella Valdeorras

O partido solidario celebrarase o vindeiro 29 de xullo ás 20h. no campo de Calabagueiros

Os presidentes do C.D. Barco e SD Ponferradina, os respondables de Cruz Vermella Valdeorras e o alcalde do Barco, coa copa que levará o gañador do partido de fútbol. /Foto: Carlos G. Hervella.
Os presidentes do C.D. Barco e SD Ponferradina, os respondables de Cruz Vermella Valdeorras e o alcalde do Barco, coa copa que levará o gañador do partido de fútbol. /Foto: Carlos G. Hervella.

Despois dun máis que merecido descanso tralo ascenso a terceira división, o Centro de Deportes Barco está a piques de comezar a pretempada e farao ao grande, cun partido solidario contra o conxunto de Ponferrada que milita en segunda división.

O vindeiro mércores 29 de xullo a partires das 20h. o campo de fútbol de Calabagueiros no Barco de Valdeorras acollerá o amigable C.D. Barco-SD Ponferradina, cuxa recadación (5 euros a entrada de adultos e 2 euros a infantil) irá destinada aos proxectos e programas que Cruz Vermella Valdeorras ten en marcha na comarca.

Así o explicaban na presentación do encontro benéfico, que tiña lugar na mañá do 10 de xullo na sede da ONG (Casa do Río Cigueño no Barco) e que contou coa presenza do presidente e vicepresidenta de Cruz Vermella Valdeorras, Maximino Alonso e Adelina Martínez; o alcalde do Barco, Alfredo García; e os presidentes do C.D. Barco e SD Ponferradina, Daniel Ramos e José Fernández.

Presentación do partido solidario, na sede de Cruz Vermella Valdeorras. /Foto: Carlos G. Hervella.
Presentación do partido solidario, na sede de Cruz Vermella Valdeorras. /Foto: Carlos G. Hervella.

No acto, os presidentes dos clubs felicitáronse mutuamente polos logros deportivos na pasada campaña, esperando poder ver un bo encontro ao que asista moito público “dos últimos partidos de liga coas bancadas cheas” engadíu o alcalde do Barco. O presidente de Cruz Vermella Valdeorras pola súa banda, asegurou que este trofeo nace “coa idea de darlle continuidade de cara aos vindeiros anos nos que incluso podería incorporarse un terceiro equipo e facer un triangular”.

De momento, a emoción está servida e a finais de xullo, barquenses e ponferradinos veranse unha vez máis as caras sobre o céspede, no que sen dúbida reinará a deportividade. A ocasión ben o merece.

Artigos relacionados

Back to top button