SanidadeÚltima hora

A cea benéfica da AECC no Barco reunía a un cento de persoas

Celebrábase no Casino do Barco na noite do 16 de abril e contaba coa actuación de os Broders

Con agradecemento e satisfacción valoran dende a delegación valdeorresa da Asociación Española contra o Cancro (AECC) a participación na cea benéfica que esta entidade organizaba na noite do 16 de abril no Casino do Barco. Un cento de persoas acudían a esta cita solidaria anual que permite recaudar fondos para as actividades desta asociación e tamén para destinar a investigación.

Na sobremesa tiña lugar un sorteo entre os asistentes de agasallos que foron cedidos por diversos comercios valdeorreses e a velada completábase coa actuación do grupo Os Broders. A presidenta da AECC en Valdeorras, Gloria Pérez, agradecía a colaboración dos asistentes á cea, e tamén recordaba o apoio recibido para a organización deste acto de diversas empresas como a Panadería Penaguillón (que cedeu o pan), Exclusivas Morales (a auga), Lambone (os doces da sobremesa), varias adegas da D.O. Valdeorras (que doaron viños) e a tenda Pelo Pico Planta (que cedeu os caraveis que se lle entregaban ás mulleres na cea). Ademais agradecíalle ao Casino o feito de “que unha vez máis nos permitan facer a cea aquí” e tamén a Saga, que fixo as entradas e tamén as rifas.

“E por suposto non me quero esquecer dos voluntarios que colaboraron para facer posible esta cea”, aseguraba Gloria Pérez, quen tamén incidía na importancia de que aumente o seu número, “animamos ás persoas a que se fagan voluntarias, é moi necesario o seu labor”. A presidenta da AECC lembraba tamén que cada mércores esta asociación celebra unha sesión café na que se reúnen afectados e voluntarios na súa sede (situada nas antigas dependencias da Cruz Vermella) no Barco.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button