ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Cea de confraternización e obradoiros para celebrar o Día da Muller en Quiroga

O CEIP de Quiroga desenvolvía unha serie de obradoiros de sensibilización en torno a figura de cinco mulleres significativas

Medio cento de mulleres da comarca de Quiroga participaban na “III Cea de Confraternización de Mulleres” celebrada na vila con motivo do Día da Muller. Esta iniciativa, que botaba a andar no ano 2014, busca “render unha homenaxe a todas as mulleres da comarca de Quiroga”, tal e como se indica dende o CIM Quiroga (Centro de Información á Muller).

Durante a cea interviña a concelleira de Benestar e Igualdade, Ana Núñez García, quen recordaba o significado da data do 8 de marzo e enviaba unha mensaxe de positividade de cara a un futuro no que a igualdade de xénero sexa unha realidade e no que “mulleres e homes temos que participar en conxunto”. Ao final da cea (organizada pola Concellería de Benestar de Quiroga coa colaboración da Asociación de Mulleres San Martiño) as asistentes recibían un agasallo conmemorativo.

Por outra banda, o programa de actos do Día da Muller en Quiroga tamén incluía varios obradoiros de sensibilización no CEIP deste municipio. Impartíanse en toda a etapa da primaria, dende primeiro de educación primaria ata sexto. Os obradoiros xiraban “en torno á figura de cinco mulleres significativas da nosa historia sobre as que se deron unhas pinceladas da súa vida e obra para que, posteriormente, o alumnado de todas as etapas de primaria puidera traballar sobre as súas figuras. Deste xeito todos os nenos/as fixeron traballos manuais sobre estas mulleres extraordinarias”, segundo se informa dende o CIM Quiroga.

Fotos: CIM Quiroga (Centro de Información á Muller).

Artigos relacionados

Back to top button