EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Cea de Nadal de UUAA da comarca de Viana, acompañada de recoñecementos

Reunía a máis dun cento de persoas na noite do 19 de decembro no restaurante vianés A Nosa Casa

Máis dun cento de gandeiros dos concellos ourensáns de Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Veiga, O Bolo, A Gudiña, A Mezquita e tamén do zamorano de Porto participaban na cea de Nadal que Unións Agrarias da comarca de Viana celebraba na noite do 19 de decembro.

Esta xuntanza tiña lugar no restaurante vianés A Nosa Casa e daba comezo cunha sorpresa: unha serie homenaxes tanto a traballadores do sindicato como aos seus primeiros afiliados na zona. Como se dun conto de Nadal se tratase, a responsable comarcal de Unións Agrarias, María Páez, lembraba a historia desta entidade, que nacía en Viana no 2001, e que na actualidade conta con moitos mozos afiliados.

E, tendo en conta esa traxectoria, facía ao principio dous recoñecementos aos seus compañeiros de traballo: a Jesús Bermúdez, que leva en UUAA dende o 2007, e a Julián García Rodríguez, que se incorporaba no 2017 “con inquietudes diferentes e aportando maneiras distintas”. A ambos entregáballes unha copia dos seus primeiros contratos.

 

 

E como o sindicato non tería razón de ser sen os seus afiliados, estes eran os seguintes en ser homenaxeados. En concreto, entregábaselles un detalle ao afiliado máis antigo da zona (dende 1991), Andrés Alonso da Canda (A Mezquita), e ao segundo máis antigo (dende 1997) , Miguel Ángel Barrio Augusto, tamén da Mezquita. Ambos recibían a súa primeira ficha de afiliación enmarcada.

Ademais María Páez tiña unha lembraza especial para as persoas que se afiliaron a UUAA cando ela empezou coa oficina de Viana e que se deron de alta en xaneiro de 2002: os vianeses José Antonio Afonso (Quintela de Edroso), Santiago Barja (Fradelo) e María Domínguez (Grixoa). Os dous seguintes en afiliarse eran Benigno Basteiro (Bembibre, Viana) e Rosa Blas (Buxán, O Bolo).

 

 

“Son persoas, moi activas, coas que empecei nunha xuntanza que fixemos ao principio, cando estaba eu soa cun ordenador, e que me axudaron a dar os primeiros pasos para que hoxe sexamos máis de 400 afiliados nesta zona e tres traballadores”, dicía María Páez. A todos eles entregáballes tamén as primeiras fichas de afiliación, “cubertas por min a boli”, e enmarcadas.

Esta cea “da empresa máis grande da comarca”, di Páez, vense celebrando cunha numerosa participación xa dende o ano 2014.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button