OurenseÚltima hora

Cea do Carme e teatro, este sábado en Prado de Miño (Castrelo de Miño)

Os membros do Obradoiro Municipal de Teatro de Castrelo de Miño representarán a obra Cómicos polos camiños
O grupo de teatro de Castrelo de Miño.

Mañá, sábado 14 de xullo, a localidade ourensá de Prado de Miño acollerá a 26 edición da cea do Carme con noite de teatro organizada pola asociación cultural O Penedo da Forca.

A iniciativa remóntase ao ano 1992 cando a mocidade de Prado de Miño decidía organizarse e constituír a asociación. Desde aquela data foron centos as actividades culturais organizadas durante estes 26 anos, destacando a recuperación das festas tradicionais do pobo de Prado de Miño e tradición teatral aínda viva entre os veciños desta aldea de Castrelo de Miño.”Aínda conservaba a comezos do século XX un pequeno curral de comedias onde os veciños representaban
as súas propias obras de teatro”, puntualizan dende o Concello.

Froito deste interese pola nova asociación cultural en recuperar esta tradición, nacía en 1992 esta xornada de convivencia e cultura entre os veciños e veciñas que se celebra ininterrumpidamente desde aquela data: cea do pobo e obra de teatro representada polos propios veciños e veciñas.

No ano 2010 o Concello de Castrelo de Miño, decidiu apostar tamén por esta actividade cultural tan senlleira, e coa colaboración da asociación cultural crearon o Obradoiro Municipal de Teatro de Castrelo de Miño, logrando que veciños e veciñas do resto do concello tamén se sumaran. Durante todo o ano, o concello facilita un local de ensaios e unha profesora de teatro que se encarga da dirección e dos ensaios das obras de teatro.

O programa deste ano comezará as 22 horas coa cea de convivencia entre todos os veciños e convidados, e ao remate, ás 23:30 horas representarase a obra de teatro Cómicos polos camiños, unha dramaturxia de Tegra Vázquez a partires dos textos de Alonso Santos, Shakespeare e Fernando Dacosta.

Artigos relacionados

Back to top button