OurenseÚltima hora

Celanova acolle as III Xornadas de Convivencia de Agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Ourense

Neste encontro, que se celebrará este sábado 20 de outubro, participarán 50 agrupacións da provincia e máis de 400 voluntarios
Participantes na pasada edición deste encontro de agrupacións de voluntarios de Protección Civil da provincia, celebrado en Ribadavia./ Foto cedida.

A partires das nove e media do 20 de outubro comezarán no Auditorio Ilduara de Celanova as III Xornadas de Convivencia das Agrupacións de Protección Civil (AVPC) de Ourense. Será unha xornada formativa e de encontro entre voluntarios de Protección Civil, así como entre membros de organismos relacionados co mundo das emerxencias como son a Garda Civil, Unidade Militar de Emerxencias (UME), Servizo de Prevención e Loita contra incendios Urbanos e Forestais (SPDCIF), Bombeiros, GES, Cruz Vermella etc etc. Nela espérase contar coa presenza de medio cento de agrupacións ourensás e duns 400 voluntarios.

O programa formativo levarase a cabo a través de diferentes talleres prácticos e estará adicado a temas de interese no eido das emerxencias como é o caso da prevención e loita contra a Vespa velutina, incendios forestais, condución de vehículos todoterreo, a seguridade en probas do motor ou o labor de auxilio e colaboración das AVPC en accidentes de tráfico. Este talleres impartiranse en grupos reducidos e da man de profesionais de cada tema. Haberá ademais unha demostración do Grupo de Montaña da Garda Civil de Trives.

Ademais os participantes no encontro poderán desfrutar de visitas guiadas a diferentes lugares históricos de Celanova como o Mosteiro de San Salvador de Celanova, a Casa Museo de Curros Enríquez ou o conxunto de Castromao.

Artigos relacionados

Back to top button