Concellos

Celanova, Bande e Verea, en Culturgal 2014

Os tres concellos darán a coñecer os seus recursos turísticos na feira, do 5 ao 7 de decembro
Participantes no obradoiro de emprego San Rosendo.
Participantes no obradoiro de emprego San Rosendo.

A través do obradoiro de emprego “San Rosendo. Segue o camiño…”, centrado na empresa e ámbito económico para xestionar a iniciativa privada desde unha perspectiva turística, os concellos de Celanova, Bande e Verea, estarán presentes na Feira da Cultura Galega (Culturgal), que se celebrará en Pontevedra os días 5, 6 e 7 de decembro.

No mesmo, os tres concellos estarán identificados coa marca turística “Terras de Rosendo”, coa que o obradoiro de emprego propón identificar no campo do turismo ás dúas comarcas definidas no xeodestino “Terras de Celanova-Baixa Limia”.

Tal como explican dende o departamento de Cultura do Concello de Celanova, entre os contidos que serán trasladados ata Pontevedra, destaca información sobre o Camiño de San Rosendo, que estes concellos teñen proposto incluír no mapa dos Camiños de Santiago como un ramal de interior do Camiño Portugués; así como información propia do obradoiro de emprego co que se pretende potenciar o turismo como motor de desenvolvemento económico das dúas comarcas.

Ademais, con esta iniciativa os concellos pretenden potenciar o patrimonio histórico-artístico, arqueolóxico, literario e natural das “Terras de Rosendo”, a través dun stand promocional con información plasmada en diferentes paneis informativos, catro deles elaborados polos alumnos do obradoiro. Tamén serán os propios alumnos dos módulos de Xestión de Marketing e Comunicación e de Creación e Xestión de Viaxes Combinados e Eventos, os encargados da montaxe e da atención do stand durante as tres xornadas que durará Culturgal.

Dentro da programación da feira, o técnico de Cultura do Concello de Celanova e coordinador do obradoiro de emprego, Antonio Piñeiro, dará unha charla informativa sobre o patrimonio cultural, artístico e natural das “Terras de Rosendo”.

Artigos relacionados

Back to top button