ConcellosÚltima hora

Celanova conmemora o centenario de Pepe Velo cunha exposición

Proxectaranse varios filmes e o grupo 2naFronteira ofrecerá un concerto o 11 de maio no seu aniversario
A presentación das actividades conmemorativas tivo lugar na confluencia da rúa San Rosendo coa rúa Pepe Velo
A presentación das actividades conmemorativas tivo lugar na confluencia da rúa San Rosendo coa rúa Pepe Velo.

O Concello de Celanova e a Consellería de Cultura e Educación presentaron onte conxuntamente a programación prevista para conmemorar este ano o centenario do nacemento do histórico intelectual Xosé Velo Mosquera. Trátase dun cartaz que conxura proxeccións audiovisuais, música e unha exposición ca fin de “recuperar a súa memoria e poñer en valor a entrega e a trayectoria dun home valente e destemido”, tal e como definiu onte o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. No acto tamén estiveron presentes o alcalde do municipio e presidente da Fundación Curros Enríquez, José Luís Ferro, e o secretario da fundación e biógrafo de Velo, Antonio Piñeiro.

Xosé Velo Mosquera foi coñecido como cofundador das Mocedades Galeguistas e tamén foi un activo dinamizador cultural e político da sociedade galega en Caracas. Pero sobre todo destacou por ser un dos protagonistas durante o asalto ao transatlántico portugués Santa María, como xeito de denuncia das ditaduras de Franco e Salazar. Nesta liña, a exposición deixará ao descuberto unha compilación de fotografías cedidas por emigrantes que viaxaron naquel barco, entre outros materiais, que será producida pola Fundación Curros Enríquez. Estará aberta ao público dende o 21 de abril ata finais de agosto na sede da Casa dos Poetas.

Pola outra banda, os actos conmemorativos do centenario de Pepe Velo tamén concentran unha serie de proxeccións audiovisuais que se prolongarán durante unha semana. “Pepe Velo, verbas coma lóstregos”, de Xan Leira, “Santa Liberdade”, de Margarita Ledo, e “Assalto ao Santa Maria”, de Francisco Manso, serán os títulos que se poderán ver na Casa dos Poetas.

O cartaz tamén inclúe un menú musical a cargo do grupo 2naFronteira. Ofrecerá un concerto o vindeiro 11 de maio no que interpretará pezas compostas a partir de varios poemas escritos polo histórico activista celanovés.

A presentación das actividades tivo lugar na confluencia da rúa San Rosendo coa rúa Pepe Velo, dedicada ao intelectual e activista político, que morreu no exilio en Brasil no ano 1972.

 

Artigos relacionados

Back to top button