ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Celavente celebra a súa Ruta dos Fornos máis multitudinaria

Unhas 700 persoas congregábanse nesta celebración que permite descubrir media ducia destas construcións tradicionais e unha serie de fontes desta localidade bolesa

Nun espectacular dñua de primavera e cunha gran participación, que chegaba ás 700 persoas, comezaba a XII Ruta dos Fornos de Celavente pasada ás 13h. deste sábado 4 de xuño. Co pano amarelo da festa ao pescozo e coa cunha conmorativa na man, os participantes comezaban a celebración ao ritmo da charanga BB+ e escoitando o tradicional pregón en verso de Juan Corzo, xunto á carpa instalada na estrada fronte ao Bar Rodríguez.

Antes de dar paso aos versos, Corzo comentaba que Celavente conta cun total de 7 festas, cinco delas relixiosas e as dúas restantes o Entroido (coas figuras do Touro e do Xigante) e a Ruta dos Fornos. “Festas de un pobo señor,/ que se chama Celavente,/ son tantas a cual mellor,/ cuidadas por nosa xente,/ con color e con calor,/ baiando e dándolle ao dente./ Poucos pobos hai na terra,/ que sexan tan bailadores,/ como este noso que encerra,/ tantos divinos valores,/ e os paxariños da serra,/ cantando réndenlle honores”. Un pregón que remataba cun sentido “Viva Celavente”, dando paso á ruta ata o primeiro dos fornos, tras un pronunciado camiño: o do Viduedo, onde os participantes podían degustar pan con chourizo asado, acompañado de viños (godello e mencía) e auga.

 

 

A partir de aí viñan os fornos tradicionais dos Ortos con empanada, o do Outeiro con orella cocida e xamón; a Adega da Capilla con doce de castañas, o Forno do Fondo con xamón asado, o Forno do Campo con torta de roxois e licor café; e o Forno do Cima (o derradeiro) con bica e licor de herbas. Aquí remataba o percorrido (que estivo ademais animado pola xa citada charagan e polo grupo de cantos de taberna Ouruxobruxo), pero non a festa, que a partires da tarde continuaba ao ritmo de Danzalia. Ademais nas proximidades do Forno do Cima instalábase un bar e tamén podían saborearse e mercarse os licores e marmeladas de Caurelor.

Esta celebración foi organizada pola Asociación Centro de Animación Rural de Celavente e contará coa colaboración de Protección Civil do Bolo e da Pobra de Trives. O prezo das entradas será de 14 euros para os adultos e de 7 euros para os nenos (menores de 12 anos).

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Artigos relacionados

Back to top button