OurenseÚltima hora

Celebra, Bebega e Antiq Auria: triple cita feiral esta fin de semana en Expourense

As pasarelas de moda nupcial e festa serán sábado 24 e domingo 25 de novembro ás 18 horas

Expourense ofrece na fin de semana do 23 ao 25 de novembro unha triple cita para as familias: Celebra, 19º Salón de Vodas, Bautizos, Comuñóns e Actos Sociais; Bebega, 2ª Mostra do Bebé; e Antiq Auria, 2ª Feira Internacional de Antigüidades. As dúas primeiras celebraranse o sábado 24 e o domingo 25 mentres que a terceira comezará xa o venres 23 pola tarde. En total, un cento de expositores presentarán os seus produtos e servizos especializados no recinto feiral.

A 19ª edición de Celebra presentará a calidade, o deseño e a orixinalidade cos que traballan as empresas ourensás, xa que a meirande parte deles proceden desta provincia. Da ducia de sectores estarán presentes destaca a oferta en restauración, organización de viaxes e animación de eventos. Tamén terán o seu espazo a moda nupcial e de festa, aluguer de vehículos, restauración, animación e discotecas móbiles, xoiería, perruquería e estética, fotografía, floristería, agasallos e prensa especializada. Asemade haberá empresas especializadas na organización integral de eventos, co que o visitante non só poderá coñecer as últimas novidades en servizos e produtos, senón que poderá recibir asesoramento e novas ideas.

As pasarelas volverán convocar ao público que se achegue para coñecer as últimas tendencias en moda nupcial e festa. Terán lugar tanto o sábado coma o domingo ás 18 h. e contarán coa participación das seguintes empresas: Alma (Moda noiva e festa); Angelo Milano (traxes de noivo e cerimonia); Badaladas (moda noiva, comuñón e festa); Drácena (arranxos florais); Loyma (xoiaría); Nicandra (moda noivas e festa); Paris Diffusion (perruquería e estética). Esta actividade estará coordinada pola Axencia Luena e presentada pola eurovisiva Lucía Pérez.

Na 2ª edición de Bebega, as empresas e asociacións participantes ofrecerán un escolma de productos e servizos orientado ao benestar do bebé: puericultura, moda, decoración, agasallos, desenvolvemento intelectual, psicoloxía ou ioga… Esta mostra conta ademais de novo coa participación da Asociación Galega de Matronas que participarán nesta cita para resolver as dúbidas tanto das embarazadas como das que veñen de dar a luz. Esta exposición compleméntase cun completo programa de charlas e obradoiros.

E por último, a 2ª edición de Antiq Auria, reunirá a expositores procedentes de 4 países (España, Portugal, Francia e Suíza). Será un punto de encontro de nostálxicos, presentando multitude de obxectos únicos e cheos de historia divididos en tres sectores: antigüidades propiamente ditas (obxecto con máis de 50 anos) como xoguetes, teléfonos, reloxos, mobles, xoias, porcelanas, etc; coleccionismo onde se poderán atopar numismática, filatelia, etc; e obxectos e roupa vintage (sec. XX), que se teñen convertido nunha moda e nun referente á hora de decorar os fogares.

O horario de apertura de Celebra e Bebega será sábado e domingo de 11 a 14:30 e de 16 a 20:30 horas. O de Antiq Auria será o venres de 17 a 21 horas e sábado e domingo de 11 a 14.30 e de 16 a 21 h. A entrada terá un custo único de 2 euros e permite acceder ás tres feiras.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button