EconomíaEconomíaÚltima hora

Celebra e Bebega, dobre cita en Expourense para o mes de novembro

A 19ª edición do Salón de Vodas, Bautizos, Comuñóns e Actos Sociais e a 2ª edición da Mostra do Bebé de Galicia serán a fin de semana do 24 e 25

A 19ª edición de Celebra, Salón de Vodas, Bautizos, Comuñóns e Actos Sociais e para a 2ª edición de Bebega, Mostra do Bebé de Galicia celebraranse en Expourense na fin de semana do 24 e 25 de novembro. Hai xa varias edicións que Celebra tiña lugar no mes de outubro pero o comité asesor, integrado por distintas empresas ourensás especializadas na organización de eventos, decidiu esta nova data xa que a época de vodas en Galicia, que tradicionalmente era de maio a setembro, se estende agora ata o outono.

Celebra volverá presentar unha ampla oferta de produtos e servizos para dar unha resposta especializada á planificación de todo tipo de actos sociais. Nesta cita os expositores teñen a oportunidade de darse a coñecer entre potenciais clientes e presentarlle as súas novidades. A oferta expositiva completarase coas pasarelas de moda nupcial e festa na que xa teñen confirmada, entre outras, a súa presenza firmas como Alvarino, Nicandra, Paris Diffusion ou Angelo Milano e estará coordinada como é habitual pola Axencia Luena. Todas elas garantirán un evento con moda 100% ourensá.

Bebega 2018 terá o obxectivo de reunir nun só espazo os produtos e servizos que precisa un bebé e os seus proxenitores, cubrindo as necesidades dende o propio embarazo ata chegar á idade escolar (3 anos). Esta mostra pretende “converterse no espazo especializado de referencia tanto para as empresas do sector como para as familias”, converténdose no punto de encontro entre os recentemente nados e os produtos e servizos máis novidosos, ademais das últimas tendencias no coidado do bebé que apostan pola volta á crianza natural (promoción da lactancia materna, cueiros de tela, alimentos naturais, tecidos orgánicos, …), sen deixar de lado as innovacións tecnolóxicas. Ademais da área de exposición, contará cun programa paralelo composto por actividades complementarias como charlas sobre o embarazo e o parto, lactancia, primeiros coidados, estimulación, etc.

 

Artigos relacionados

Back to top button