OurenseÚltima hora

Celebración do 25N en Ourense

A provincia de Ourense ten actualmente 368 casos activos no sistema VioGén de protección ás vítimas e rexistrou 420 denuncias no que vai de ano

 

Na cidade de Ourense celébrase con diversos actos o Día Mundial contra a Violencia de Xénero neste 25 de novembro. Así, no exterior da Subdelegación do Goberno gardábase un minuto de silencio, ás 12h. Contábase coa presenza do subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso; do tenente coronel da Garda Civil, Rafael López Pinel; do comisario xefe do Corpo Nacional de Policía, Juan Carlos Blázquez Hernández; e da xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller, María Alida Iglesias Gil, entre outras autoridades.

A través da lectura do manifesto deixouse patente que a violencia contra as mulleres constitúe unha vulneración dos dereitos fundamentais e que para freala é preciso implicar a toda a sociedade no seu conxunto.

 

 

Lembrouse que no ano 2020 en España a violencia de xénero cobrouse a vida de 41 mulleres e de 3 nenos e nenas, producíndose en Galicia dúas mortes por violencia machista e 63 dende o 2003. Na comunidade existen actualmente 3.733 casos activos de violencia de xénero, nos que a franxa de idade con máis incidencia é a de mulleres entre 31 e 45 anos, con 1.595 casos.

Este foi o acto central, pero haberá outras accións. Así a fachada da Subdelegación iluminarase esta tarde coa cor violeta, símbolo desta reivindicación. A provincia de Ourense ten actualmente 368 casos activos no sistema VioGén de protección ás vítimas e rexistrou 420 denuncias no que vai de ano, segundo os datos da Subdelegación.

 

 

Tamén se gardaba un minuto de silencio no exterior da sede da Delegación da Xunta de Galicia en Ourense, coa asistencia, entre outras persoas, do delegado territorial da administración autonómica, Gabriel Alén.

 

Artigos relacionados

Back to top button