OurenseÚltima hora

Celebración do Día da Policía Nacional en Ourense

Neste acto facíase entrega dun total de 24 condecoracións

 

O traballo e o compromiso da Policía Nacional coa defensa dos dereitos e liberdades da cidadanía ourensá era destacado esta mañá polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, na súa intervención con motivo da celebración do Día da Policía, na honra dos Santos Anxos Custodios. O subdelegado do Goberno en Ourense presidía, xunto ao comisario xefe provincial do Corpo Nacional de Policía en Ourense, Juan Carlos Blázquez, estes actos que comezaban cunha misa solemne na Catedral ás 12h., oficiada polo Bispo da Diocese de Ourense, contando coa achega dos policías en Prácticas que continúan coa súa formación na cidade, participando tamén con ilusión o resto de policías en activo pertencentes a esta comisaria de Ourense.

Despois dábase paso a un acto institucional e a entrega de condecoracións ás 13:15h. no Auditorio Municipal. Neste acto facíase entrega de 24 condecoracións. Cinco delas foron para persoas e institucións alleas ao Corpo Nacional de Policía. En concreto, o tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Ourense, Rafael López; o xerente da Área Sanitaria Ourense, Verín e O Barco, Félix Rubial; o responsable de Formación de Cruz Roja Española en Ourense, José Antonio Fontelo; a Asociación Cultural Amigos Camiño Mozárabe, cuxa distinción recolleu o seu presidente, José Luis Rodríguez; e a Asociación de Veciños O Couto, distinción recollida polo seu presidente, José Delgado.

Tamén se entregaban 13 medallas ao Mérito Policial con distintivo branco, outorgadas a un Subinspector, dous Oficiais de Policía e dez Policías, da Comisaría de Ourense,  3 cruces á Dedicación ao Servizo Policial, polos seus 25 anos de servizo na Policía Nacional, outorgado a 3 Inspectores de Policía; así como 6 medallas á Dedicación ao Servizo Policial, polos seus 20 anos de servizo na Policía Nacional, outorgado a un Inspector, un Oficial de Policía e catro Policía Nacionais.

“A Policía Nacional converteuse nun corpo imprescindible para o benestar común e nunha das institucións mellor valoradas do Estado”, indicaba. Neste acto tamén participaban outras autoridades como o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, ou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández.

 

 

O subdelegado do Goberno tamén puxo de relevo a capacidade de adaptación da Policía Nacional aos novos retos grazas á continua formación e á alta especialización acadada. “O voso labor é imprescindible en asuntos como a loita contra a violencia de xénero, a persecución dos delitos contra a liberdade sexual e dos delitos de odio ou a ciberdelincuencia, sen descoidar a persecución dos delitos máis comúns”.

Tamén subliñou as tarefas de prevención da delincuencia que realizan os axentes da Policía Nacional. Así, Emilio González mencionou as charlas e talleres coa comunidade educativa, a través do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas, e as actividades co colectivo de persoas maiores.

Durante a celebración do Día da Policía, o subdelegado do Goberno trasladou o recoñecemento e o agradecemento polo traballo e esforzo realizado por este Corpo con motivo da pandemia e da crise sanitaria. “O voso compromiso e profesionalidade superaron con creces o mero cumprimento do deber, dando todo para protexer á cidadanía e aos colectivos máis vulnerables, sen desatender as vosas funcións e a pesar do risco asumido”, indicou.

No seu discurso, Emilio González tamén fixo referencia á oferta de emprego público anunciada polo Goberno de España, que vai permitir reforzar o persoal de Policía Nacional, e ao Plan Estratéxico, que vai marcar unha nova etapa para o Corpo, impulsando a transformación dixital, a loita contra a ciberdelincuencia, a cooperación internacional, a igualdade e a formación dos axentes.

Fotos cedidas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button