ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Celebracións e actividades arredor da castaña en Trives

Na pasada fin de semana había múltiples propostas para nenos e maiores, entre as que non faltaba un magosto, arredor deste froito de outono

Obradoiros infantís, sendeirismo mesturado con etnografía, concursos de doces e, por suposto, un magosto popular. A fin de semana do 13 ao 15 de novembro viña cargadiña de actividades arredor da castaña en Trives. Boa parte delas desenvolvíanse ao aire libre, aproveitando o bo tempo que acompañaba nesas xornadas.

O programa deseñado polo Concello de Trives comezaba na tarde do 13 de novembro co obradoiro “Dalle vida ás castañas”, no que participaban un grupo de nenos e pais, que empregaban as castañas e outros materiais para crear orixinais e simpáticas figuras. Xa ás once da mañá do sábado 14 poñíase en marcha o “Sendeiro Miúdo”, cun percorrido polos Sequeiros triveses. Rapaces e maiores sumábanse a esta proposta e disfrutaban dun camiño “que deu para correr, xogar coas follas, comer algunha castaña, contar contos ou mesmo cantar”, tal e como se indica dende a organización. No traxecto tampouco faltaron as vistas dende o mirador da Penafolenche, que grazas as condicións do día, ganaban en espectacularidade.

Durante a tarde, os cativos aproveitaban as follas reunidas durante a ruta para desenvolver outras actividades. Reuníanse ás seis na ludoteca abría e alí para eles había manualidades e entretemento. E, entre tanto, os maiores acudían ao patio de Santa Leonor onde se celebraba o magosto con castañas, viño, chourizos asados, empanadas, bicas e a degustación de todas as sobremesas participantes no concurso de doces. A cita reunía unhas 400 persoas e foi amenizada pola Banda de Gaitas Os Trintas. E, como broche musical, a discoteca móvil convidaba ao baile.

Fotos: Concello de Trives

Artigos relacionados

Back to top button