O Pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela acolleu, á mañá de hoxe, 28 de xullo, a solemne homenaxe ás vítimas da pandemia do coronavirus. Representantes de 31 colexios profesionais sanitarios de Galicia xuntáronse no Salón Noble do pazo para leer un manifesto elaborado de forma conxunta por todas as institucións participantes.
O acto, conducido polo periodista Eduardo Herrero, foi breve e austero xa que a única intención era a de amosar a solidariedade coas persoas e compañeiros de profesión afectados pola pandemia. Tras a lectura, a soprano Laura Alonso e o pianista Javier Ares, interpretaron os temas “Negra Sombra” e “Ay qué linda moça” ademais do himno de Galicia. A homenaxe concluíu cunha foto de familia dos participantes na escalinata da Praza do Obadoiro, preto do Pazo de San Xerome.
A iniciativa provén do Consello Galego de Colexios Médicos e contou co respaldo das profesións sanitarias de Galicia. Pola provincia de Ourense acudiron o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense, o Colexio Oficial de Dentistas de Pontevedra e Ourense, o Colexio Oficial de Enfermería de Ourense, o Colexio Oficial de Médicos da Provincia de Ourense e o Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense.