En portadaÚltima hora

Celébrase en Petín a “premiere” de “María Solinha”, novo filme de Ignacio Vilar

O evento, que tivo lugar este sábado 1 de agosto, incluía "photocall", alfombra vermella, presentación do director e a proxección da película

 

A vila de Petín acolleu este sábado, 1 de agosto, a “premiere” de “María Solinha”, o novo filme de Ignacio Vilar. O evento comezou pouco despois das 21:00, na praza Doutor Quiroga cun “photocall” sobre alfombra vermella. A escolla de Petín como lugar do estreo foi especialmente significativo para Vilar, que é natural desa localidade. Os petineses tamén acolleron calidamente o acontecemento e fixeron cola para ter unha foto co director e as protagonistas, Grial Montes e Laura Míguez. As actrices lucían os traxes deseñados por David Vila para a estrea ademais dos zocos de Elena Ferro da colección “María Solinha”.

 

O director, Ignacio Vilar, durante a rolda de prensa.

 

O peche das salas de cine pola pandemia do coronavirus obrigou a cancelar a estrea da película en multitude de salas do país. “O que decidimos entón foi estrear ao aire libre por toda Galicia. Mañá estamos en Viana do Bolo, o día seguinte en Barreiros e así ata mediados de outubro. María Solinha chega antes á xente do rural que ás da cidade”, explicou Ignacio Vilar.

 

Ignacio Vilar xunto coas protagonistas Grial Montes e Laura Míguez e a alcaldesa de Petín, Raquel Bautista.

 

Despois do photocall, ás 22:15h., comezou a presentación e de seguido, a proxección da película no exterior do Teleclub. O aforo estivo limitado a un total de 200 persoas. A “premiere” tamén contou coa actuación de Abraham Cupeiro, que tocou o carynx, un antigo instrumento de vento que se empregou para a banda sonora. A seguinte cita será na praza Maior de Viana do Bolo, o vindeiro domingo, 2 de agosto.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button