EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Cenlle celebra a XVI Festa do Viño Tinto

Publicidade

 

A localidade de Cenlle celebraba este sábado a XVI Festa do Viño Tinto, amparado pola denominación de orixe Ribeiro. O acto contaba coa asistencia do conselleiro do Medio Rural, José González, quen puxo en valor o papel do sector vitivinícola tanto en Galicia como en España e o compromiso da Xunta para reforzar e facer crecer este eido produtivo.

González, que estivo acompañado polo alcalde de Cenlle, José Manuel Rodríguez, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, entre outras autoridade; comezou o seu discurso reflexionando sobre a relación entre o Ribeiro e o sector do viño, unha relación que “vai máis aló do comercial grazas a actividades coma esta festa”, remarcou. Nesa liña, o conselleiro destacou a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, elaborada pola Xunta en colaboración coa Fundación Juana de Vega, as universidades galegas e os axentes do propio sector, como elemento dinamizador deste eido produtivo.

O conselleiro tamén destacou a futura sección Galicia Calidade Alimentaria, que albergará e dará pulo aos produtos do agro galego de calidade diferenciada, así como a campaña Galicia Etiqueta Calidade, centrada na divulgación da súa excelencia.

 

 

 

Por outra banda, José González tamén se referiu á aldea modelo de Osmo, a primeira das súas características en Galicia, como un instrumento creado ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria que contribuíu á dinamización do territorio rural deste municipio ourensán.

O conselleiro concluíu a súa intervención recordando o compromiso da Xunta co rural e co sector vitivinícola, que se plasma -entre outras medidas- mediante a posta a disposición do sector dos mecanismos que habilita a devandita norma, co obxectivo de que as terras sexan mobilizadas e recuperadas, entre outros usos, para o cultivo das vides.

A denominación de orixe Ribeiro ampara a preto de 1.700 viticultores e case un cento de industrias, cunha produción de uva que no ano 2020 superou os 9,5 millóns de quilos e un valor económico estimado en 31,6 millóns de euros.

Artigos relacionados

Back to top button