OurenseÚltima hora

Centenario da declaración da igrexa de Santa Comba (Bande) como monumento nacional

Neste 11 de agosto vén de celebrarse o acto de conmemoración do centenario da declaración como monumento nacional da igrexa visigótica de Santa Comba de Bande. Nel participaban a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, que agradeceu á veciñanza “a vosa atención e coidado coa igrexa, así como a colaboración das institucións na súa conservación”, así como o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; a directora xeral de Patrimonio da Xunta, Carmen Martínez; a xerente do Inorde, Emma González; alcaldes da comarca; representantes das cámaras municipais portuguesas de Melgaço e Montealegre; e deputados autónomicos e nacionais.

O acto incluíu a inauguración dunha exposición na que o visitante pode facer un percorrido pola historia do templo, que é Ben de Interese Cultural, e as intervencións realizadas nestes cen anos, así como tamén unha visita teatralizada á igrexa e a interpretación de varias pezas musicais a cargo do grupo Ghaveta.

Na súa intervención, o presidente da Deputación cualificaba esta igrexa visigótica como “a fotografía perfecta do noso pasado, pero tamén do brillante futuro que anos agarda”, subliñando así a importancia histórica dun templo que defendeu como o máis antigo da península e do amplo abano de posibilidades que ofrece na dinamización turística do concello e da provincia.

Este acto, dixo Baltar, “é un anaquiño na historia dunha edificación con catorce séculos, que xa no ano 600 converteu a este lugar na verdadeira cidade da cultura de Galicia”, comparando a igrexa con outras construcións civís e relixiosas posteriores no tempo, como a catedral de Santiago de Compostela ou o canal de Isabel II en Madrid, para destacar a importancia da que definiu como “a auténtica xoia do patrimonio mundial”.

O presidente provincial recolleu na súa intervención a proposta que con anterioridade lanzou no seu concello natal o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, que lle pediu liderar a coordinación das administracións local, provincial, autonómica e estatal para “entrar en profundidade no significado da declaración de monumento nacional e aproveitar as vantaxes que todo elo implica, o que tamén sería a mellor homenaxe que lle poderíamos facer ás persoas que como o párroco Manuel Castro apostaron hai cen anos por conseguir esta distinción”.

Artigos relacionados

Back to top button