En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Un cento de participantes na VIII Andaina de Manzaneda e I Trail

Tanto os camiñantes como os corredores tiñan a posibilidade de elixir entre dous traxectos de 16 km e 19 km

Dende o Campo do Penso, en San Miguel, dábanse as saídas da VIII Andaina de Manzaneda e I Trail na mañá do 8 de outubro. Un cento de persoas, de todas as idades, dábanse cita para participar nesta iniciativa deportiva. Os primeiros en tomar a saída, ás nove da mañá, eran os camiñantes que tiñan dúas posibilidades: unha andaina curta de 16 km ou outra un pouco máis longa de 19 km. Unha hora despois, ás dez, partían tamén dende San Miguel os participantes no I Trail de Manzaneda, tamén con dous posibles percorridos: un de 16 km e outro de 19 km.

 

Camiñantes nun dos tramos da Adem.

En ambos casos os trazados eran semellantes e tanto andaríns como corredores podían descubrir e gozar de fermosas paraxes de val, serra aberta ou de regatos desta zona de montaña do oriente ourensán. O percorrido vai ademais por vellos sendeiros que antigamente comunicaban diversos pobos, polos que tamén pasaban os camiñantes e corredores. A pé de circuíto estaba tamén o alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez, situado nun dos cruces das proximidades de Prada.

Ademais nun dos pobos polos que pasaba o traxecto, Cernado, un grupo de veciños ofrecía aos camiñantes e corredores auga ou viño para apagar a sede, ademais de intercambiar conversas con eles e falarlles da zona e desta aldea de Manzaneda.

 

Un dos participantes no trail.

 

Na organización desta andaina e trail, en mans do Concello de Manzaneda, colaboran a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Manzaneda, a Asociación Cultural Porco Celta e a Asociación de Mulleres Algueirada. Dende a organización facíase un balance moi positivo desta edición destacando a participación e a satisfacción dos asistentes aos que lles encantou o percorrido.

Ademais agradecíase o apoio dos colaboradores que cederon os agasallos para os deportistas e tamén das agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Maceda, Xinzo de Limia, Petín e Manzaneda, presentes ao longo da proba.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis fotos do xantar:
https://osil.info/xantar-pon-broche-viii-andaina-de-manzaneda-i-trail/ 

 

Participantes pasando pola igrexa de San Miguel.

Artigos relacionados

Back to top button