Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Centos de persoas secundan a cuarta edición da Shopping Night

O deseñador ourensán Roberto Verino foi o encargado de inaugurar o evento do CCA Ourense Centro

Centos de persoas abarrotaron as rúas de Ourense onte á noite, 29 de abril, para participar na cuarta edición da Shopping Night. Este evento, organizado polo Centro Comercial Aberto Ourense Centro, permitiu que uns 80 establecementos comerciais desa área ampliaran os seus horarios de atención ao público ata a medianoite. Moda con suculentos descontos, música en directo, baile nas rúas e gastronomía local completaron a oferta que converteu á cidade das Burgas nunha burbulleante urbe nocturna.

A Shopping Night daba comezo ás 20.00 horas, nun acto de inauguración protagonizado polo deseñador Roberto Verino e celebrado no exterior de Cafetería La Central. Tamén asistiu o presidente do propio CCA Ourense Centro, Luis Rivera, a directora xeral de Comercio da Xunta, Sol Vázquez Abeal, e o rexedor local, Jesús Vázquez. Tras as intervencións inaugurais, o emblemático deseñador foi o encargado de cortar a cinta que deu comezo a catro horas extra de compras nocturnas e moita animación.

E é que a festa non só se concentrou nos escaparates. O CCA Ourense Centro programou un cartaz de actividades complementarias nas que participaron escolas de baile, agrupacións de música tradicional, discotecas móbiles e varios grupos con música en directo. Tamén houbo espectáculos de animación, pasarúas e incluso unha exposición de vehículos clásicos. Un especial recuncho tivo tamén nesta noite de compras a gastronomía, coa instalación de food trucks e stands onde se servían diferentes pinchos de productos locais.

Artigos relacionados

Back to top button