En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Centos de persoas maniféstanse en Rubiá para pedir dúas prazas fixas de médico no Centro de Saúde

Saían da praza do Concello e remataban o percorrido no Centro de Saúde, onde se daba lectura a un manifesto no que se destacaba que non pararán as mobilizacións ata que consigan que se “cubra a praza do médico que se xubilou”

 

“Estamos aquí en representación de todas aquelas persoas que cremos no rural, para quen non o saiba, estamos vivos, o rural existe!”. Así comezaba o manifesto ao que daba lectura unha veciña de Rubiá ao termo manifestación que saía pasadas as cinco da tarde do 17 de novembro da praza do Concello e que, tras percorrer a estrada xeral da vila, remataba diante do Centro de Saúde.

Había décadas que nesta localidade no se recordaba unha mobilización deste tipo, coa participación de centos de persoas chegadas dende diferentes puntos concello, incluso dos máis alonxados da vila, como Quereño, para pedir de forma unánime e clara que se manteñan dúas prazas fixas de médico de atención primaria no seu Centro de Saúde. Entre os asistentes había ademais representantes de todas as forzas políticas.

Durante o percorrido da manifestación, convodada pola Plataforma pola Sanidade de Rubiá, os asistentes portaban diversas pancartas nas que podían lerse consignas como “Rural en extinción”, “Ruralízate? E quitan aos médicos”, “Somos persoas, non números”, “Manter atención primaria de calidade” ou “Un médico para 100,70 km2 calidade…???”, que tamén se coreaban no traxecto.

 

 

Ao chegar ao Centro de Saúde, un dos representantes da plataforma dirixíase aos asistentes para darlles as “grazas por participar e por facer forza para que os veciños de Rubiá recuperen o segundo médico”. Tamén expresaba o seu agradecemento “aos sindicatos, á Plataforma Sanitaria de Valdeorras, aos partidos políticos e as organizacións presentes”. De seguido, unha veciña de Rubiá daba lectura, entre numerosos aplausos, ao manifesto onde se incidía novamente na demanda do pobo de Rubiá: dous médicos para o Centro de Saúde. “Queremos un médico fixo que cubra a praza do que se xubilou e non nos conformaremos ata conseguilo”.

Neste manifesto tamén se lembraba a xuntanza veciñal do 6 de novembro, que enchía a Casa da Cultura da localidade, e na que se falou “do problema que ocasionou a administración ao non cubrir a praza” e na que “todos os que quixeron deron a súa opinión libremente, e acordamos por unanimidade facer o posible para que se modifique a decisión tomada e que se restitúa dita praza. A este acto, asistíu o director da EOXI, Julio García, que explicou que o doutor Palmeiro como profesional sanitario era suficiente para atender coa máxima calidade aos máis de mil pacientes neste centro de saúde. Nós nunca puxemos en dúbida a súa profesionalidade, ao contrario, parécenos incrible que poida atender ao mesmo tempo o centro de saúde, a residencia de anciáns e as visitas domiciliarias e xamais, lle faltamos ao respecto”.

E, en referencia ás declaracións do xerente da EOXI de Ourense, Verín e O Barco na rolda de prensa do 16 de novembro, no manifesto sinalábase que “o que temos moi claro é que o seu traballo consiste en falar e en escoitar aos seus pacientes para poder realizar unha atención primaria de calidade. A quen cuestionamos é ao Sergas que non é capaz de admitir que vivimos nun concello cuxa extensión é de máis de 100 km2, chegar a cada pobo leva tempo, tempo no que ninguén atende aos pacientes do centro de saúde. O rural en xeral ten unha poboación envellecida, con enfermidades crónicas, que precisa unha atención continua, moitos deles cunha mobilidade reducida, o cal lles dificulta ter que desprazarse”.

A lectura remataba entre aplausos e coa mensaxe de que “o rural existe. Estamos vivos!”, así como coa idea de continuar coas mobilizacións ata conseguir a demanda plantexada. Ademais os asistentes asinaban o manifesto.

Fotos: A.R./ Carlos G. Hervella.
Galería de fotos:
https://osil.info/a-manifestacion-de-rubia-en-imaxes-2/

Artigos relacionados

Back to top button