ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Centos de persoas maniféstanse no Barco por unhas “pensións dignas”

Esta manifestación, que partía no mediodía do 15 de abril da praza do Concello, estaba convocada polo Colectivo de Pensionistas de Valdeorras e por CCOO

Detrás dunha pancarta co lema “Polo sistema público de pensións e o emprego” centos de persoas de diferentes puntos de Valdeorras percorrían o centro do Barco no mediodía do 15 de abril nunha manifestación convocada polo Colectivo de Pensionistas de Valdeorras e por CCOO.

O percorrido partía dende a praza do Concello, pasaba polas rúas Marcelino Suárez e Estación, para entrar despois no Paseo do Malecón e, finalmente, concluír na praza Andrés de Prada. Durante o traxecto os manifestantes berraban diversas consignas reivindicativas como “Onde están, non se ven, as pensións do PP”, “Non ao 0,25%”, “Nós non roubamos, só cotizamos” ou “As pensións son un dereito, non un negocio”, entre outras.

Xa na praza Andrés de Prada, un dos membros do Colectivo de Pensionistas de Valdeorrsa daba lectura a un manifesto “en defensa das pensións públicas”, no que se recordaba a campaña de mobilizacións que vén organizando dende o mes de marzo, así como as súas reivindicacións: revalorización anual das pensións segundo o IPC e xubilación ordinaria aos 65 anos, entre outras. Cualificábase ademais de “burla insoportable a suba do 0,25%, sobre todo ante as situacións de emerxencia social nas pensións máis raquíticas como son as de viuvedade”.

De seguido, interviña unha moza estudante quen sinalaba que “están en xogo as xeracións dos nosos pais e nais e non falemos das nosas expectativas”, ademais de pedir que se acabe “coa precariedade dos traballos” e que non se trunque “o noso futuro como estudantes”. Este acto finalizaba cunha canción reivindicativa cuxa letra se repartía entre os asistentes.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button