SanidadeÚltima hora

O Centro de Saúde do Couto, en Ourense, abre este luns

A instalación sanitaria comeza a súa actividade con consultas de medicina e enfermería familiar e comunitaria e pediatría en horario de mañá e tarde
Centro de Saúde do Couto. // Foto: Carlos Asensio.

O Centro de Saúde do Coto abrirá as súas portas mañá luns,27 de novembro, iniciando súa normal actividade asistencial e atendendo aos seus primeiros pacientes.

Para elo, ao longo dos pasados días, os usuarios que pasarán a ser atendidos nas novas instalacións sanitarias, preto duns 9.000 inicialmente, recibiron unha carta no seu domicilio comunicándolle que, desde esta data, o profesional que o viña atendendo no Centro de Saúde Nóvoa Santos pasará consulta desde O Couto.

Con esta medida, a Xerencia procura manter a continuidade asistencial, tendo en conta a especial vinculación entre os usuarios e seus profesionais, e entre estes e seus pacientes, aos que en moitos casos atenden desde hai anos. Priorizando así este vencello sobre a localización do seu domicilio, sobre todo, tendo en conta que este cambio é sempre voluntario.

Nesta liña, dacordo co Decreto 55/2015, todos os usuarios do Sergas teñen dereito a elixir libremente seu persoal ou centro sanitario, polo que todos aqueles veciños que, por proximidade ao novo Centro de Saúde, xa sexan do Novoa Santos ou de calquera outro centro de atención primaria, desexen ser atendidos alí, poden dirixirse aos servizos administrativos do novo centro de saúde, onde se lles asignará un novo médico de familia.

Do mesmo xeito os pacientes dos profesionais asignados ao Couto, e que prefiran continuar sendo atendidos no Novoa Santos, poden dirixirse ao seu persoal administrativo, que xestionará seu cambio de centro ou profesional, mediante un sinxelo e rápido trámite, que poderá ser realizado en calquera momento.

Incremento gradual de servizos

A posta en marcha do Couto permitirá redistribuir a poboación de referencia do Novoa Santos, onde na actualidade estaban a ser atendidos, e posibilitará tamén equilibrar os cupos e ratios de paciente por profesional. Para elo, a Xerencia proxecta adaptar súa capacidade asistencial á demanda, incrementando gradualmente o cadro de persoal en función da mesma.

Os primeiros usuarios, que estrearán o vindeiro luns o moderno centro de saúde, beneficiaranse dunhas instalacións coas últimas melloras en canto a accesibilidade e aproveitamento enerxético, ampla distribución de espazos e abundante luz natural, construído nunha parcela, cedida polo Concello de Ourense, de 4.664 metros cadrados, xunto ao Edificio Xudicial, entre as rúas Castro Canseco e Velázquez, con entrada por esta última.

Xunto as novas instalacións, os usuarios contarán dun cadro de persoal formado por cinco facultativos especialistas en medicina familiar e comunitaria, seis enfermeiras e un pediatra, con atención en xornada de mañá e tarde, que ofertarán consultas de medicina e enfermería familiar e comunitaria, programada e urxente, e a totalidade de programas da carteira avanzada de servizos de atención primaria, como o da muller, neno san, cirurxía menor e telemedicina. 

O novo centro está dimensionado e equipado para incluir a totalidade de unidades de apoio de Atención Primaria, que se irán incorporando ao longo dos vindeiros meses, como fisioterapia, odontoloxía, hixiene dental, farmacia e traballo social, ademais de enfermería obstétrica xinecolóxica (matrona), impartindo clases de educación maternal e preparación ao parto. Asemade, O Couto acreditarase como centro docente, acollendo residentes en formación posgraduada de Atención Familiar e Comunitaria (MIR e EIR). 

Artigos relacionados

Back to top button