En portadaÚltima hora

A CEO celebrará eleccións en abril

A xunta directiva da entidade aprobaba o calendario electoral e tamén o seu orzamento para este ano que ascenderá a 1,68 millóns de euros

O orzamento da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) para o 2017 ascenderá a 1.687.189 euros, o que suporá 475.393 euros máis que no exercicio anterior (+39%). Aprobábase na xunta directiva que a entidade celebraba na tarde do 20 de marzo. “E todo isto pese á importantísima caída rexistrada nos fondos da formación, que constitúen un dos principais soportes económicos para o funcionamento da CEO  que foron suplidos co impulso de proxectos de internacionalización, inclusión social e proxectos europeos”, tal e como se indica dende este organismo empresarial, que preside José Manuel Pérez Canal.

A orde do día da reunión incluía outros sete puntos. Así tamén se lle daba o visto ás contas do 2016, que se pechaban cun saldo de  -36.421 euros, “o que supón unha mellora do 8% sobre os resultados de 2015, tamén facendo fronte a unha variación negativa do 39% nos programas de formación con respecto ao exercicio anterior, que supuxo un descenso de ingresos de 434.202 euros. A situación financiera está completamente saneada ao carecer de préstamos ou hipotecas aos que facer fronte e contar cun remanente de tesourería a 31 de decembre de 984.877 euros. A mellora nos resultados da xestión de 2016 está apoiada nun profundo recorte nos gastos de funcionamento ordinario”, indican dende a CEO.

Tamén se abordaba no decurso da xuntanza o estado das relacións entre a CEO e a Confederación de Empresarios de Galicia. Ademais José Manuel Pérez daba a coñecer o calendario electoral na Confederación Empresarial de Ourense, que xa foi referendado polos membros da xunta directiva da entidade. O proceso comezará o próximo 30 de marzo cunha reunión da propia xunta para aprobar o censo electoral. O prazo de presentación de candidaturas abrirase o luns día 3 de abril e prolongarase ata o 21 dese mesmo mes ás 20 horas. Finalmente, a xornada de votación terá lugar o mércores 26 de abril.

 

Fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button