SanidadeÚltima hora

Chamamento á prudencia do conselleiro de Sanidade, que valora positivamente os datos epidemiolóxicos

Un total de 165 concellos galegos non rexistraron ningún novo caso por covid nos últimos 7 días

O conselleiro de Sanidade durante a rolda de prensa desta mañá, xunto a outros membros do Comité Clínico.

 

Na rolda de prensa celebrada esta mañá para dar conta dos acordos tomados na reunión do luns do Comité Clínico, o consellerio de Sanidade, Julio García Comesaña, valoraba positivamente os datos epidemiolóxicos da comunidade, tras comezar o pasado venres o denominado proceso de desescalada. Con todo, apelaba á prudencia e a continuar co cumprimento estrito das medidas hixiénico-sanitarias vixentes.

Trala xuntanza, na xornada de onte, do grupo de expertos que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada polo virus Sars-Cov-2, o titular da Sanidade galega apuntou que o vindeiro venres erguerase o peche da área sanitaria de Ferrol co que recuperará a mobilidade co resto de Galicia.

Neste sentido, o concello pontevedrés de Soutomaior será o único municipio de Galicia que permanecerá no nivel máximo de restricións. Ademais, os concellos de Cariño, Guitiriz, Lourenzá, Pobra de Brollón, Tordoia, Porto do Son, Mos, Mondariz, Pazos de Borbén e Boborás ficarán no nivel alto. Os restantes concellos galegos situaranse no nivel medio.

Tras realizar un repaso do nivel asistencial dos centros sanitarios galegos, o xerente do Sergas, José Flores, remarcou que neste momento a presión asistencial é un condicionante que está a incidir na posibilidade de aminorar as restricións, nomeadamente, nas áreas de Coruña e Pontevedra. Asimesmo, Flores destacou o importante descenso que se rexistrou na ocupación media dos hospitais galegos por mor da covid-19, situándose nestes intres no 5% no caso das unidades de hospitalización e, no 13% no caso das UCI.

Pola súa banda, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, salientou “a mellora substancial dos datos epidemiolóxicos de Galicia no seu conxunto”, respecto das cifras de hai dúas semanas. Así, destacou que dos 313 concellos galegos, 91 deles non contaron con ningún novo caso por coronavirus nos últimos 14 días; e que nas últimas 7 xornadas, en 165 municipios tampouco se rexistraron novos positivos.

Durante a súa intervención, Durán tamén puxo o foco en que Galicia posúe arestora un nivel de reprodutividade instantáneo do 0.8% e que, a taxa de positividade por PCR se sitúa no 3’7%, moi por debaixo do 6’49% da media española.

As cepas británica, surafricana e brasileira, en Galicia

No que atinxe ás novas variables da covid-19, a responsable de Saúde Publica salientou que a comunidade galega conta neste intres con 90 casos secuenciados da denominada cepa británica, 1 caso da cepa surafricana e, 1 caso da cepa brasileira, este último aínda en estudo.

No peche da rolda prensa, o conselleiro de Sanidade agradeceu de novo “o excelente traballo realizado por todos os profesionais do ámbito sanitario” cuxo esforzo e dedicación, permite comezar a aliviar as restricións, cando estamos a piques de cumprir xa un ano de pandemia. Así mesmo, valorou o importante labor do membros do Comité Clínico e o comportamento “prudente e con sentidiño” que amosa a meirande parte da cidadanía galega.

Artigos relacionados

Back to top button