Chandrexa de QueixaConcellosÚltima hora

Chandrexa proxecta recuperar 4 vivendas municipais para destinalas a alugueiro social

O seu alcalde trasladáballe a conselleira de Medio Ambiente esta iniciativa para 4 inmobles localizados no poboado e actualmente deshabitados

O alcalde de Chandrexa na reunión coa conselleira de Medio Ambiente.

 

O alcalde de Chandrexa de Queixa, Francisco Rodríguez, vén de manter unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, para falar de diversos proxectos de interese para o municipio.

En materia de vivenda, concretamente, o alcalde explicoulle que o goberno local ten catro vivendas na aldea Villaceleiros, no poboado de Chandrexa de Queixa. Estes inmobles están actualmente deshabitados e presentan algúns desperfectos tanto no interior como no exterior, polo que a intención municipal é acometer obras de remodelación e acondicionamento que permitan darlles un novo uso.

Así, explicoulle á conselleira que para adecuar os catro inmobles ás necesidades dos seus posibles futuros usuarios, será necesario acometer unha nova instalación eléctrica e dotalas de sistema de calefacción e conexión a internet, entre outros traballos de reparación, limpeza e pintura tanto na fachada como no interior.

Tras coñecer os plans municipais, Ángeles Vázquez explicoulle que esta actuación encaixa nos obxectivos do programa de axudas para rehabilitación de vivendas de titularidade municipal con destino a alugueiro social, que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) convocará nas vindeiras semanas cunha dotación de algo máis de 2 millóns de euros.

Neste sentido, indicou que o Concello de Chandrexa de Queixa podería optar a unha axuda de ata 40.000 euros por vivenda recuperada e que esta sería compatible co Fondo de cooperación cos concellos de menos de 50.000 habitantes para actuacións de rehabilitación, un programa que lles facilita o acceso a préstamos sen xuros para garantirlles o financiamento necesario co que poder executar este tipo de intervencións.

Deste xeito, a conselleira animaba ao Concello de Chandrexa de Queixa a acollerse este ano a algunha das liñas de axudas e programas que ofrece o IGVS ás entidades locais co fin de apoialos na execución de proxectos de rehabilitación para usos residenciais.

 

Artigos relacionados

Back to top button