CulturaCulturaÚltima hora

Chano Piñeiro, homenaxeado no cartaz do XVII Festival de Cans

O filme de Paula Cons "A illa das mentiras" será o encargado de abrir esta edición e o Coloquio na Leira estará a cargo de Oliver Laxe

A presentación da programación do festival na tenda NikisGalicia. / Foto: Festival de Cans.

 

A décimo sétima edición do afamado Festival de Cans, celebrado anualmente nesta localidade porriñesa, terá lugar do 2 ao 5 de setembro. Nesta cita, o cartaz estará dedicado ao cineasta galego Chano Piñeiro polo seu 25 cabodano. O deseño foi obra de Fabián Moldes, director de producción de NikisGalicia, e lembra ao icónico personaxe de “Caladiño”, interpretado por Roberto Casteleiro para o largometraxe “Sempre Xonxa”.

“Sempre Xonxa” (1989), considérase como un dos primeiros largometraxes de ficción en Galicia e pioneira do cine costumista galego. Narra as duras consecuencias da emigración en catro partes, relacionadas coas catro estacións do ano. Boa parte das localizacións da película, que foi gravada en 35 milímetros, están na aldea de Santoalla, nas montañas do concello valdeorrés de Petín. Dende a organización, queren rendir homenaxe a un director considerado clave para a historia do cine na comunidade.

A illa das mentiras

Durante o festival tamén proxectarase “A illa das mentiras”,  longametraxe debú de Paula Cons, o que suporá a súa estrea en salas antes da distribución en cinemas. O filme, que estará dispoñíble en Filmin a finais de xullo, foi confirmado para participar tamén no Festival de Shangai, un certame dos máis importantes do mundo e con categoría de Clase A. Narra a historia do naufraxio do barco de vapor Santa Isabel no ano 1921, con centos de emigrantes con destiño a Bos Aires, fronte a illa de Sálvora.

En palabas do director do Festival, Alfonso Pato “é unha honra abrir o festival cunha persoa tan querida para nós coma Paula Cons. O pasado ano xa nos avanzou as imaxes da súa película na nosa sección ‘Fillxs de Cans’. Tivemos fe cega na película e nas súas posibilidades desde o primeiro visionado”. Pola súa parte, Cons dixo que non se lle ocorría “mellor sitio para facer esta presentación que Cans, porque vai ser a primeira vez que esta película se vexa no seu fogar natural que é unha pantalla grande, así que vai ser unha presentación cargadísima de emoción, de electricidade”.

 

Fotografía de rodaxe de “A illa das mentiras”. / Foto: Facebook A illa das mentiras.

 

Oliver Laxe

Oliver Laxe será a figura protagonista desta edición de Coloquio na Leira. A actividade será ao mediodía do sábado, 5 de setembro. O director de “O que arde”  falará sobre cine e tamén do seu novo proxecto para promover un gran espazo cultural vinculado ao cine, nunha zona rural dos Ancares.

 

Oliver Laxe. / Foto: Festival de Cans.

 

Parte da programación do XVII Festival de Cans presentouse o pasado 21 de xullo na tenda de NikisGalicia, en Santiago de Compostela. Este ano, para cumprir coas medidas sanitarias, o aforo estará reducido e ás proxeccións, coloquios e actuacións só poderán acudir aquelas persoas con entrada. O recinto conta cunha zona de máis de 2.000 metros cadrados cedida pola Asociación de Veciños de Cans e terá unha carpa aberta que permitirá acoller un máximo de 300 persoas, ben separadas entre si. Todas as actividades rematarán antes de medianoite. A organización tamén indicou que o uso de mascarilla será obrigatorio e velará polo cumprimento das medidas hixiénicas e de distanciamento social.

As entradas poderánse mercar na tenda online do Festival https://tenda.festivaldecans.com ás 9:00h do luns 27 de xullo. Estarán dispoñíbles 200 abonos de mañá e outros 200 de tarde en dous tipos de oferta: o matinal (20€), que consta de entrada, camiseta, chapa, programa e asistencia ao Coloquio de Oliver Laxe e o de tarde (25€), que inclúe entrada, camiseta, chapa, programa, gala e acceso a un concerto do músico Hendrick Rover.

 

Cartel do festival, coa representación de “Caladiño” e a súa máquina voadora. / Foto: Festival de Cans.

 

Artigos relacionados

Back to top button