CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosMúsicaÚltima horaVídeos

Charla e actuación sorpresa de Tanxugueiras no CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán do Barco

As cantareiras achegáronse ata o centro barquense no marco dun programa de Política Lingüística

 

Cun directo potente e cargado de enerxía, as voces de Aida, Olaia e Sabela ligan en harmonía, naturalidade e mestría alalás, músicas e letras. Con ou sen pandeiretas, o seu son expándense alén do escenario para transformar o recital nunha festa, cun repertorio que se move entre pezas íntimas e de corte tradicional con himnos que abandeiran causas.

Son Tanxugueiras, as cantareias do século XXI preferidas dos fans de Eurovisión e tamén o grupo galego de moda, que actuarán este sábado 13 de novembro na praza Andrés de Prada, no Barco (unha actuación inicialmente prevista para O Cristo e que tivo que ser aprazada), pero dous días antes sorprendían a alumnos e profesores do CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán.

 

Tanxugueiras nun momento da actuación no centro escolar barquense.

 

Na mañá deste xoves 11 de novembro, día de San Martiño, as cantareiras protagonizaban no salón de actos do centro, unha interesante actividade no marco dun programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística. “Somos o único colexio da comarca ao que veñen e actuarán para case 200 nenos do centro, dende os 5 anos ata 4º de Primaria, en dúas tandadas”, explica Crespo, coordinador do equipo de Normalizacilón Lingüística do centro, engadindo que a actividade esta enfocada cara a tradición oral e as mulleres como vínculo condutor do folclore musical galego.

Así, a xoves músicas comezaron presentándose diante dos cativos, distribuídos por grupos, explicando que comezaron o seu traballo musical preguntándolle á xente maior dos pobos polas súas cancións. De seguido explicaban os principais intrumentos que tocan (pandeireta, pandeira, pandeiro ou lata) así como as súas partes, mesturando o apartado musical coa tradición rural. Foi unha actividade lúdica pero sobre todo educativa na que Aida, Olaia e Sabela explicaron aos atentos cativos os diferentes ritmos que tocan: xota, muiñeira, pasodobre e maneo, mesturando a charla con pequenas e intensas actuacións en directo moi aplaudidas polos pequenos.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button