Charla informativa para os concellos sobre a prevención e defensa contra os incendios forestais

Medio Rural convocaba en Ourense aos alcaldes para “aclarar as posibles dúbidas que se poidan presentar nas actuacións administrativas en materia de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa vexetal, limpeza das franxas de seguridade e retirada das especies arbóreas”

Un dos momentos da xornada informativa.

A Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense convocaba na mañá do 15 de maio en Ourense aos alcaldes e alcaldesas dos concellos da provincia á celebración dunha charla sobre os cambios normativos introducidos pola Lei 9/2017, de medidas fiscais e administrativas, nas leis 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e 7/2012, de montes de Galicia. A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, abriu a xornada subliñando a importancia do cumprimento da normativa en vigor como un primeiro paso de previr os lumes.

Segundo indicou Díaz Mouteira, organizouse esta xornada co obxecto de aclarar as posibles dúbidas que se poidan presentar no que se refire ás actuacións administrativas en materia de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa vexetal, limpeza das franxas de seguridade e retirada das especies arbóreas. O xefe territorial do Medio Rural, Yago Borrajo, acompañado de técnicos da súa Xefatura, foi o encargado de impartir a charla e clarificar o procedemento a seguir en cada suposto.

Os cambios mais salientables introducidos pola citada Lei 9/2017, e que centraron a exposición, refírense á nova data límite na que debe acometerse a obriga de xestión da biomasa polos responsables correspondentes en cada caso, que será antes de que remate o mes de maio, así como diversos cambios no procedemento para esixir o cumprimento desa xestión, como os referidos aos casos nos que non se poida determinar a identidade do responsable, facilitando a posibilidade de acudir á execución subsidiaria. Isto permitirá, polo tanto, unha actuación máis áxil da administración á hora de manter limpos os montes e núcleos urbanos.

Na normativa vixente tamén se contempla, como novidade, que cando concorran razóns urxentes por grave risco para as persoas e os bens se poderán delimitar zonas de actuación prioritaria para a execución subsidiaria inmediata tanto por parte da Consellería do Medio Rural como dos concellos, así como a creación dun fondo de xestión de biomasa.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies