CulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

Charla no IES Lauro Olmo sobre vitivinicultura

O acto, organizado pola USC foi dirixido ao alumnado de Bacharelato

Os alumnos de 1º de Bacharelato do IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, asistían na mañá do 3 de outubro, a unha charla sobre “Viños e produción vitivinícola”, un acto organizado pola Universidade de Santiago de Compostela dentro do programa “A conservación do medio natural, tarefa común” que está percorrendo tódalas comarcas galegas.

No instituto barquense, Julián García Berrios, profesor de Produción Vexetal no campus de Lugo, falou aos alumnos da evolución e importancia da viticultura en Galicia, destacando os profundos cambios que sufríu ao longo da historia.

No acto tamén estiveron presentes Ángeles Camino Saco doutoranda no departamento de Produción Vexetal na Escola Politécnica Superior da USC e a xornalista Almudena Martín.

Tanto García Berrios como Camino Saco deixaron constancia de que “na viticultura actual débese aproveitar o enorme potencial das cepas e dos contornos produtivos únicos, que nos van diferenciar do resto da produción. Pero nun mundo onde os cambios nos hábitos de consumo e mais a reorganización comercial por mor da globalización, por un lado, e dos cambios a nivel climático, por outro, van supor un reto” dixeron. Os dous investigadores da USC apostan por “aproveitar o legado ancestral dos nosos antepasados e aplicar as novas tecnoloxías e o coñecemento científico para adaptarnos con éxito á nova situación”, polo que consideran estes dous aspectos indispensables nesta complexa evolución da situación produtiva actual.

Pola tarde, a charla celebrarase no salón de actos do Edificio Multiusos do Barco, con entrada libre para toda a poboación.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button